En portadaÚltima hora

A XXV Mostra de Aceite de Quiroga cambia de data e lugar e reforza a súa programación

Terá lugar na derradeira fin de semana de marzo na vila e manterá as demostracións do muíño de Bendilló

Imaxe da anterior edición da mostra./ Foto: A.R.

 

A XXV Mostra do Aceite de Quiroga xa ten data e, ademais esta nova edición chega cargada de novidades. Tras a xuntanza na tarde de onte entre o alcalde quirogués, José Luís Rivera, olivicultores e técnicos municipais, a data quedou fixada para a última fin de semana do mes de marzo.

Variación da data de celebración con respecto aos últimos anos cando se celebraba no mes de maio, pero sobre todo moitas variacións na mostra que se presenta con grandes cambios. O máis importante: o cambio de lugar.

Por primeira vez nos 25 anos dende a súa posta en marcha, a Mostra do Aceite trasládase para a vila de Quiroga, aínda que se mantén o funcionamento do muíño de aceite de Bendilló, no lugar das Farrapas. Para asistir a esta demostración etnográfica dispoñerase de autobuses dende a vila quiroguesa.

O punto de venda de aceite instalarase na praza do Auditorio Municipal, favorecendo a utilización das instalacións municipais que a rodean, o Museo Etnográfico, o Albergue Municipal e o propio Auditorio.

 

Reunión preparatoria da mostra./ Cedida.

A partir de agora, estanse a realizar reunións periódicas cos colleiteiros para pechar un programa que se pretende ambicioso. Ademais do punto de venta do Aceite de Oliva Virxe Extra de Quiroga levaranse a cabo actividades que acheguen este sector á poboación, que se darán a coñecer a medida que se peche o programa.

Para dar cabida a toda a programación sobre a mesa da organización, está a ampliación da celebración. Ademais do domingo 30 de marzo durante toda a xornada, trabállase en que na tarde do sábado (29 de marzo) se leven a cabo funcións dirixidas por especialistas relacionados co mundo do aceite.

Back to top button