EconomíaEconomíaÚltima hora

Os “Trens Turísticos de Galicia” preséntanse en Fitur como reclamo turístico coas rutas dos viños do Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras

 

Os “Trens Turísticos de Galicia” presentábanse neste venres na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid como unha oferta sostible para coñecer a provincia de Ourense a través da rutas dos viños das Denominacións de Orixe. O presidente do Inorde e deputado provincial de Turismo, Rosendo Fernández, participou hoxe na caseta de Galicia en IFEMA, na presentación da undécima edición desta iniciativa posta en marcha no ano 2013 polo Inorde, RENFE e Turismo de Galicia.

Na súa intervención, Rosendo Fernández fixo un repaso polos lugares ourensáns que poderán descubrir os viaxeiros a través destes roteiros. Destacou o éxito que cultiva ano tras ano esta proposta turística que “permite aos usuarios coñecer a provincia desde a perspectiva que ofrece o tren, percorrendo enclaves naturais, enogastronómicos, patrimoniais e culturais de referencia e sempre acompañados durante todo o traxecto por un guía especializado”.

Ourense volverá, un ano máis, “a ter un peso importante nesta iniciativa ao pasar 5 das 13 rutas ofertadas pola nosa provincia”, sinalou Rosendo Fernández. Esta edición como novidade “recuperamos a ruta da Ribeira Sacra e de Valdeorras, que non se puido levar a cabo por obras neste trazado do ferrocarril. Unha oportunidade única para coñecer de primeira man os que moitos consideran os mellores viños do mundo”, anunciou Rosendo Fernández.

O acto contaba coa asistencia do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen destacaba que este programa aposta pola mobilidade segura, a sostibilidade e a calidade. O visitante, ademais de percorrer a Comunidade, pode gozar de propostas do destino galego como a cultura da camelia, os faros da costa galega, a viticultura, a gastronomía ou o rico patrimonio natural e arquitectónico de Galicia. O programa arranca este ano cun total de 2.530 prazas repartidas en 33 saídas, que se desenvolverán entre marzo e outubro.

Tanto a oferta de turismo termal coma os Trens Turísticos son dúas propostas coas que a Axencia de Turismo de Galicia quere seguir afondando na súa estratexia de desestacionalización do destino.

Galicia continúa amosando a súa oferta turística en Fitur pero será xa cunha programación dirixida a público en xeral na que non faltan obradoiros artesáns, degustacións gastronómicas e actuacións musicais, entre outras.

Estas rutas enriqueceranse con visitas a adegas, a lugares de gran interese patrimonial como o Mosteiro de San Pedro de Rocas, o Santuario das Ermidas, o Castro de San Cibrao das ou o Castillo de Monterrei. Tamén están incluídas as visitas aos Museos das Estacións de Tren do Inorde que mostran gran parte da historia, cultura e etnografía ourensá e mesmo, nalgunha deses roteiros viaxarán tamén en catamarán.

E consolídanse iniciativas como as visitas teatralizadas na aula-Museo do ferrocarril en Vos Peares e na fortaleza de Monterrei; ou as visitas singulares ao “ecoespacio do Rexo” en Allariz e á Colexiata de Xunqueira de Ambía, un dos grandes referentes patrimoniais que nos atopamos na Vía da Prata, antes de regresar a tomar o tren na estación histórica de Baños de Molgas.

“Todo iso para continuar innovando e facendo máis atractiva a oferta que tan orgullosos fainos sentir. Por tanto, só me queda animarlles a subirse ao tren e deixarse marabillar por un lugar auténtico como é Ourense”, proclamou Rosendo Fernández.

Nesta nova edición ofértanse un total de 13 rutas con temáticas diferentes para coñecer Galicia e un total de 33 saídas, mantendo o prezo por usuario de 45 euros para adultos e de 20 euros para nenos de entre 3 e 13 anos, cunha rebaixa do 15% para os grupos de 10 ou máis adultos.

Back to top button