
A nova comedia da compañía valdeorresa Gargallada Teatro, “Alimañas”, que conquistaba ao público o pasado outono na súa estrea no Barco, volve ao escenario nesta vila valdeorresa. Así o vindeiro venres día 31 de xaneiro ás 21h. aqueles que aínda non tiveran oportunidade de vela, poderán desfrutar desta peza humor negro, con dirección de César Goldi e Manuel Caramés , no Teatro Lauro Olmo. As entradas estarán á venda en Ton&Son dende este luns.
“Alimañas” conta a historia de Mara, unha vella estrela de cine que vive retirada na súa mansión xunto co seu marido e o director e a guionista das películas que lle deron tanta fama. Esa convivencia cambia por completo cando Mara toma a decisión de vender a casa.

Esta obra ten guión orixinal de José Martínez Suárez, adaptado por Gargallada, e está interpretada por Aurora Fernández, Xosé Lois Conde, Reyes Limia, Manuel Caramés, Carmen Hernández, Manuel González e Álvaro Baños.
Con esta mesma montaxe Gargallada ten previsto participarno XVI Festival Teatro Entreculturas, que se desenvolverá entre o 31 de xaneiro e o 8 de febreiro no Auditorio de Verín e que está organizado polo grupo local “La caja de Pandora”. A función de “Alimañas” terá lugar o sábado 8 de febreiro ás 19h.