En portadaEntroido 2025Última hora

Unha exposición reunirá en Viana do Bolo a memoria do seu “Entrudio”, en febreiro

As persoas que promoven esta celebración están a realizar unha recolleita de diverso material antigo

Imaxe dunha exposición anterior sobre o Entrudio de Viana./ Foto: Arquivo Carlos G. Hervella.

 

Co fin de preparar unha exposición que se presentará co título “O noso Entrudio, un cachiño de cada casa”, as persoas que promove esta celebración no municipio de Viana do Bolo están a realizar unha recolleita de diverso material.

A intención é inaugurar a mostra en febreiro, “a semana que inicia o noso ciclo festivo (a do Xoves de Compadres)”, e poderá visitarse ao longo dun mes na Sala de Exposicións do Concello. No labor de preparación “levamos descubertas varias reliquias (nunca expostas previamente) que interesarán a máis de un; non obstante, somos conscientes de que hai moito por descubrir aínda”, adiantan os organizadores.

O obxectivo desta iniciativa é “pór en valor toda a diversidade e riqueza que houbo e hai no Entrudio do concello. Porque a festa, precisamente, construímola entre todos. Así pois, á parte das comparsas, dos boteiros, da mula e do fulión, intentarase que haxa materiais de aldeas con personaxes senlleiros, como os boteiros e a patumada de Fornelos de Filloás, os bailarís Vilarmeao ou os boteiros antigos de Quintela do Pando”, sinalan dende a organización.

Ademais, este grupo de veciños piden a “colaboración de toda persoa que teña algún material de interese: caretas, puchos, camisetas, moncas, fotografías, vídeos, disputas, fuliadas, traxes de calquera figura…”. E tamén están interesados en coñecer a historia de cada unha desas pezas ou documentación.

Máis información e contacto a través do facebook do Entrudio de Viana do Bolo.

 

Back to top button