
Despois de dúas novelas publicadas cunha moi boa acollida, Milagros Álvarez Fraga, veciña do Barco, dá un paso máis, con moita ilusión, na súa andaina como escritora. Presentará o seu segundo libro, “La vida de Juana y su triste dilema” (Editorial Cuadranta), ao III Premio de Novela Fernando Marías para obras publicadas no 2024.
Con case 340 páxinas e cunha portada que resume a temática do volume, con moitas sombras, pero tamén con espazo para a luz e a esperanza, “La vida de Juana y su triste dilema” é unha historia baseada en feitos reais sobre unha mai dos anos 80 e a problemática da droga.
Este é o segundo libro que publica Milagros Álvarez tras “La vida de Pilar y su hija Alba”. A súa estrea na literatura resultaba moi favorable, tanto, que lle pedían unha terceira edición, pero antes de dar ese paso a autora optaba por publicar unha nova obra.
Deste xeito, Milagros Álvarez está vendo cumprido un dos seus soños: escribir. Algo que lle gustou dende sempre e ao que, pese ao paso dos anos e a falta de posibilidades, nunca renunciou.