
O vindeiro 5 de febreiro, ás 12:30 horas, na sede da Fundación Penzol, terá lugar o acto de sinatura de dous fondos documentais relacionados coa actividade oratoria do ensaísta, sociolingüísta e membro da Real Academia Galega (RAG) Xesús Alonso Montero, nado en Vigo pero con raíces no Ribeiro, entre os anos 2004 e 2024.
O primeiro dos fondos, “Sesenta e sete alocucións: discursos, conferencias, charlas, improvisacións… (2014-2018)”, unha doazón conxunta de Xesús Alonso Montero e Carmen Blanco Ramos, consta de 1.052 folios, organizados en catro tomos, que recollen as transcricións da propia Carmen Blanco das gravacións das intervencións públicas que, maiormente, ela mesma realizou durante ese período.
Catorce dos discursos recollidos na relación de entrega foron publicados recentemente no libro “Palabras para o noso tempo” (Alvarellos, 2024), en edición de Olivia Rodríguez, que tamén publica un estudo dos discursos recollidos no volume, que ademais conta con textos preliminares de Alonso Montero e Carmen Blanco.
O fondo “Trinta e unha conferencias (2004-2024)”, doado por Xesús Alonso Montero, cos programas das palestras, componse de guións detallados, moitos deles con breves texto para o seu desenvolvemento.
No acto de sobre a doazón intervirán Carmen Blanco Ramos e Xesús Alonso Montero, que estarán acompañados por Manuel Puga Pereira, presidente, e Malores Villanueva, secretaria da Fundación Penzol.