
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, reuniuse esta mañá coa presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, para informala das recentes axudas do Goberno de España para o fomento da actividade económica das pequenas empresas, a través da mellora na formación dos seus traballadores, de persoas desempregadas e incentivos para a contratación.
Por unha banda, o Ministerio de Traballo e Economía social, a través do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), destina a Galicia 13 millóns de euros para incentivar a contratación das pequenas empresas de colectivos específicos, como parados de longa duración, maiores de 50 anos, mulleres, persoas con discapacidade ou xente nova. Estas axudas tamén buscan o incremento da xornada pola que se realiza a contratación, así como o aumento da duración dos contratos. A cantidade achegada polo Ministerio supón o 70% do total das axudas, que se complementa cun 30% da Comunidade Autónoma.
Axudas para formación
Así mesmo, o SEPE financia integramente unha convocatoria de accións formativas dirixidas a persoas desempregadas, nas que inviste 8 millóns de euros. Esta iniciativa, dirixida ás empresas en xeral así como a asociacións sen ánimo de lucro, inclúe o compromiso de contratación posterior por parte dos beneficiarios. Deste xeito, ofréceselle á empresa que o persoal contratado estea previamente formado a cargo do Goberno de España.
Na mesma liña da formación, o Ministerio de Educación convocou axudas, por valor de 4 millóns de euros, para formación de persoas que se atopan actualmente traballando, coa finalidade de acreditar de xeito oficial as competencias que posúen, así como cualificar a persoal recén chegado.
“O Goberno facilita a formación dos traballadores para que as empresas poidan ter unha maior produtividade”, sinalou o subdelegado en relación a estas subvencións en materia formativa.
Kit Dixital e Kit Consulting
A estas liñas de subvencións súmanse os actuais programas Kit Dixital e Kit Consulting, que facilitan a pequenas empresas axuda económica destinada á súa dixitalización, adquisición de material informático, promoción do seu negocio a través da web e xestión de provedores e clientes. Estas iniciativas, dirixidas a empresas de 0 a 3 empregados e de 10 a 50 traballadores, supuxeron polo momento unha achega de 1.900 M€ no caso do Kit Dixital e outros 104 M€ do Kit Consulting, procedentes de fondos europeos, xestionados polo Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública.
Trala reunión na Federación, Eladio Santos sinalou que “os datos de emprego da provincia de Ourense e o análise que fai a Federación de Comercio sobre a desaparición de boa parte dos negocios deben levar a tomar obrigatoriamente medidas estruturais como as do Goberno de España, máis alá de pequenas axudas conxunturais”. Neste senso, o subdelegado lembrou que iniciativas como o bono comercio, que incentivan o consumo empregando recursos públicos, “están ben, pero non son suficientes, son necesarias medidas permanentes estruturais para a consolidación do comercio na nosa provincia”, concluíu.
Pola súa banda, a presidenta da Federación trasladoulle as inquedanzas dos comerciantes ourensáns en materia de seguridade e de información sobre axudas deste tipo, mostrando especial interese na posibilidade de realizar sesións informativas en diversas vilas da provincia.