Polas fermosas paisaxes xeradas polo río Sil discorría a primeira das saídas que realiza neste 2025 a Asociación Huellas de Cabrera. Tiña lugar na pasada fin de semana, o 1 de febreiro, e nela participaban unhas 16 persoas.
O punto de partida da camiñata, cuns 15 km de distancia, era a zona da Barosa, na comarca do Bierzo, continuando despois por un bosque de aciñeiras e érbedos e chegando ata o miradoiro sobre o estreito do Sil. “Máis adiante puidemos ver outro miradoiro entre os túneles e logo a ruta seguía por un bosque de sobreiras, coñecido como os Zufreiros do Frade, con exemplares que nalgúns casos teñen máis de 400 anos de idade”, comentan os participantes na ruta.

Despois de comer na área recreativa, xunto ás sobreiras, os membros da Asociación Huellas de Cabrera iniciaban o regreso cara A Barosa.
Na fin de semana do 15 de febreiro continuarán as actividades desta entidade. Desta volta será coa cea anual da asociación (para socios e familiares), que terá lugar no Restaurante La Torre, en Puente de Domingo Flórez.
Fotos cedidas.