
A Sala Valente de Ourense acolle desde hoxe até o día 16 de marzo a exposición “Personaxes de Entroido Galego e Mascarados de Portugal”, do artista Carlos Padín. Esta actividade forma parte da programación do Entroido na cidade. A mostra, que se inaugurou esta tarde, está formada por 146 obras pictóricas de tamaño medio nas que o pintor vigués Carlos Padín fai un percorrido polos personaxes protagonistas dos entroidos de Ourense, Galicia e parte de Portugal.
Carlos Padín representa un Entroido cheo de luz, colorido e festividade nas rúas. Pon en valor o Entroido como a festa máis auténtica, popular e participativa, amósanos os seus costumes e agudiza o humor como elemento característico desta celebración de longa tradición popular.
Asistiron ao acto o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Aníbal Pereira, a concelleira de Artes e Festexos, Noa Rouco, e o pintor Carlos Padín.
A mostra pódese visitar na Sala Valente, na rúa do Paseo, de martes a sábados, de 11.00 a 13.00 e de 18.30 a 21.30 horas, e os domingos de 11.00 a 13.00 horas.