En portadaÚltima hora

A Ados lanza unha campaña para aumentar a doazón de sangue no Barco, coa colaboración do Concello

O obxectivo é acadar neste municipio unha taxa de doazón similar á media da participación galega, que está agora mesmo en 38,4 doazóns cada mil habitantes e ano

 

“Non perdas este bus. Doa sangue”. É o lema da campaña que a Axencia de Doazón de Órganos de Sangue (Ados) desenvolverá no Barco os vindeiros 20 e 21 de febreiro, días nos que se instalará na praza do Concello unha unidade móbil de doazón.

“Estamos impulsando unha campaña especial para obter un incremento na doazón de sangue ao ano, e escollemos O Barco de Valdeorras polas súas características sociodemográficas e iso vainos permitir impulsar unha mellora”, explicaba esta mañá Rosa Basalo, técnica de Ados na presentación da campaña, xunto ao alcalde barquense, Alfredo García.

Ademais matizaba que o se pretende “é chegar a unha taxa de doazón neste concello similar á media da participación galega, que está agora mesmo en 38,4 doazóns cada mil habitantes e ano. E aínda que O Barco xa nos últimos anos tivo xa un incremento no número de doazóns queremos chegar a ese punto porque cremos que podemos logralo”.

Para iso Ados vai situar unha unidade móbil durante os días 20 e 21 de febreiro, en horario de 10h a 14:30h. e de 16h. a 21h., na praza do Concello. Ademais de desenvolver unha campaña de street marketing nesas dúas xornadas, situando ao carón da unidade móbil unha marquesiña que vai conter información referente a doazón, co fin de darlle unha maior visibilidade á campaña. Ao mesmo tempo, as persoas que acudan a doar van recibir un agasallo especial, en agradecemento á súa participación.

Requisitos para poder doar sangue

Rosa Basalo tamén lembraba cales son os requisitos mínimos para poder participar na campaña de doazón de sangue: “ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos, non padecer nin ter padecido enfermidades transmisible polo sangue e levar un documento identificativo (DNI, pasaporte ou no caso de ser doante, carné de doante) e tamén é importante unha boa hidratación previa á doazón, non non ir en xaxún, e no caso de que se vaia doar despois do xantar é necesario agardar dúas horas”.

Así mesmo lembraba a importancia de doar sangue. “Coas doazóns, os hospitais galegos poden atender cada día unha media 800 operacións ou intervencións cirúrxicas, atención entorno a 2.800 urxencias e unhas 1.600 atencións nos hospitais de día. E sen esquecernos que nas estatísticas de doazóns de órganos o ano pasado fíxose máis dun transplante ao día”.

 

 

Reunións previas co tecido asociativo do Barco

Con anterioridade ao desenvolvemento da campaña, a Ados ten xa realizado, en colaboración co Concello, unha serie de reunións co tecico asociativo do municipio: con asociacións culturais, deportivas, de empresarios e comercio, co GDR, etc.

Pola súa banda, o alcalde do Barco, sinalaba que “Imos facer unha campaña potente para intentar incrementar as doazóns de sangue no concello, porque temos marxe de mellor e imos ver se somos quen de conseguilo, ese é o obxectivo” e animaba á sociedade valdeorresa e barquense a participar.

A intención de Ados é realizar máis campañas deste tipo en concellos cunhas características sociodemográficas similares, tal e como adiantaba Basalo.

Fotos: A.R.

 

 

Back to top button