Cruzar polos pasos de peóns, facer os Stop, levar cinto de seguridade… Son algúns dos comportamentos en materia de educación e seguridade vial que o alumnado do CEIP Otero Pedrayo de Viloira analizaba esta mañá nas rúas do Barco. Previamente, asistían a unha charla no centro escolar impartida pola Policía Local e, despois, xa na rúa, irán valorando con tarxeta vermella ou verde os comportamentos da cidadanía, tanto dos peóns como dos condutores.

Actuaban, acompañados pola Policía Local e por profesoras, no Paseo do Malecón, así como no cruce entre as rúas Estación e Eulogio Fernández. Despois, o alumnado pasaba polo Concello do Barco onde o alcalde lles daba unha nova charla. Aí valoraban, coa Policía Local, os comportamentos vistos e valorados.

Esta actividade forma parte do Plan Proxecta Mobilidade Sostible e implica tanto á comunidade educativa, coa formación do alumnado, como á cidadanía, á que se lle lembra que debe respectar as normas pola súa propia seguridade e pola dos demais.
Fotos: O SIL.

