EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

Universitarios de Madrid coñecen a aposta de Bodegas Blare polos viños ecolóxicos en Outarelo (O Barco)

 

O manexo do cultivo e a elaboración de viños ecolóxicos. Esta é aposta da adega valdeorresa Bodegas Blare, situada en Outarelo (O Barco). Busca a expresión do terruño, “mediante ciclos naturais permitimos as cepas expresen de maneira máis auténtica as características do solo e o clima”, a sostibilidade e o respecto, “dende a poda ata a vendima, traballando en harmonía coa natureza” e cun compromiso ambiental, xa que “reducimos a pegada ambiental ao evitar produtos químicos e fomentar prácticas rexenerativas que protexen os olo e fomentan a biodiversidade”.

Así llo explicaban os responsables desta adega ao grupo de universitarios de Madrid que visitaban na pasada fin de semana esta adega, interesados polo seu carácter ecolóxico. Percorrían os seus viñedos, coñecían o seu sistema de traballo e cataban os seus primeiros viños.

Polo de agora a adega elabora e ten en marcha o proceso para conseguir a certificado do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica para os seus viños, un distintivo que prevén obter no 2026, xa que tardan tres anos en conceder a certificación oficial de viticultura ecolóxica.

O proxecto desta adega comezaba a xestarse alá polo ano 1995, cando os seus propietarios adquirían 4 hectáreas de viñedo, nas que recuperaban 1,5 hectáreas de viñas centenarias da variedade garnacha tintureira e plantaban 2,5 hectáreas de godello.

 

 

“Pouco despois adquirimos a finca na que se atopa o Pazo de Outarelo, o fogar de Andrés de Prada y Gómez de Santalla, quen fora secretario do rei Felipe II dende 1586 ata 1598, e entrelazamos a nosa historia coa súa memoria, realizando unha plantación de 5 hectáreas de godello en bancais que realzan o valor histórico incalculable desta paraxe”, din os responsable de Bodegas Blare.

O seu proxecto está en constante evolución e neste ano 2025 saía ao mercado a súa primeira colleita con tres viños “de carácter exclusivos”. Dous deles son Luz de Outarelo sobre lías (100% godello, anada 2023 e cunha crianza de 6 meses coas súas lías finas en depósito), Paraxe Cestelas selección especial, do que só se elaboraron 1.380 botellas numeradas mediante gofrado a man. É da anada 2023, 100% godello e cunha crianza de 8 meses coas súas lías finas en barrica de roble francés.

 

 

Ademais saía ao mercado Outarelo Garnacha Tintureira (100% garnacha e da anada 2022) , con uva de cepas centenarias e cunha crianza de 12 meses en barrica de roble francés e 12 meses en botella.

Na vista destes universitarios á adega non faltaba un pulpeiro nin a música tradicional dos Charanganteiros.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Back to top button