
O Concello da Pobra de Trives ultima a posta en marcha dun novo servizo de Punto Limpo Móbil para facilitar á veciñanza a correcta xestión dos residuos domésticos especiais. Despois de incorporar, “hai xa semanas, a maquinaria necesaria para a prestación deste servizo, agora está rematando o regulamento para garantir un uso eficiente e sostible do servizo e para que chegue a todas as personas de Trives que o precisen, vivan onde vivan”, tal e como informa esta administración local.
Ademais, este servizo conta cun vehículo 100% eléctrico, que permitirá levar a cabo a recollida de residuos de maneira ecolóxica e sustentable, reforzando así o compromiso coa mobilidade limpa e a redución da pegada de carbono.
Os puntos limpos móbiles son instalacións itinerantes deseñadas para facilitar a recollida selectiva de residuos que, polo seu carácter especial, non deben ser depositados nos colectores convencionais. Entre estes residuos atópanse aparellos eléctricos e electrónicos, pilas, baterías, fluorescentes, envases contaminantes, pequenos mobles, entre outros. Grazas a este novo servizo, os veciños e veciñas de Trives poderán desfacerse destes residuos de forma cómoda e segura, contribuíndo á protección do medio ambiente.
Dende o Concello da Pobra de Trives agradecen a colaboración da cidadanía e animan a facer uso deste novo servizo, “co obxectivo de fomentar unha maior conciencia ecolóxica e avanzar cara a unha vila máis sostible”.
Os medios materiais cos que se levará a cabo este servizo foron subvencionados polo Goberno de España, a través do Ministerio de Industria e dentro de Plan de Recuperación e Resiliencia. Concretamente, trátase dunha furgoneta eléctrica, minipunto limpo móbil, minipuntos limpos fixos e cesta-grua
Para máis información sobre os horarios e localizacións do Punto Limpo Móbil, o Concello facilitará nas vindeiras datas toda a información a través dos seus medios oficiais.