Fomentar o desenvolvemento sostible e a dinamización económica, turística, cultural, enerxética, medioambiental e inclusión social. Este é o obxectivo do Plan de Actuación Integrados (PAI) Valdeorras- “Valdeorras polos camiños do Sil”, liderado pola Deputación de Ourense e impulsado polos concellos, que opta ás axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Un proxecto, cun investimento total de 10 millóns de euros (dos que 6 millóns sería por fondos europeos, 2 aportados pola Deputación e os 2 restantes polos concellos) e con actuacións a desenvolver ata o 2029, que se presentaba esta mañá na sede da Deputación de Ourense en Valdeorras, na Casa Grande de Viloira, coa presenza dos alcaldes da comarca e do presidente provincial.
O acto abríao a deputada delegada especial para Valdeorras e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, sinalando que a iniciativa lograba “unificarnos nun proxecto integrador que vai a servir, no caso de que nolo concedan, para dinamizar, non só a nivel turístico e empresarial e social, senón que vai ser un foco de asentamento para que a veciñanza de Valdeorras que se preparou e teña un lugar onde discorrir, traballar, onde asentar e facer a Valdeorras do futuro. Creo que é unha loita importante e exemplar, poñer Valdeorras por riba de calquera outro obxectivo ou proxecto”. Tamén agradecía o apoio da Deputación de Ourense e o labor do Concello do Barco.
Deseguido o alcalde barquense, Álfredo García, lembraba as xestións previas realizadas dende o 2017 dende o Eixo para lograr que se modificaran as condicións para optar a estes fondos, antes limitados só a concellos de 20.000 habitantes, e tamén a aprobación da Axenda Urbana do Barco para que “servira de guía e despois contactouse co presidente da Deputación porque un investimento final de 10 millóns de euros entre todos, contando todo o que temos que achegar entre todas as admones era moi complicado de xestionar por parte do Concello do Barco e tamén con actuacións que se desenvolvían en cada un dos nove concellos da comarca. Daquela xa se empezaba a comentar que o podían pedir as Deputacións, falei co presidente, e dende o primeiro día dixo ningún problema”.
Un PAI con 5 obxectivos e 3 eixos
A partir de aí o presidente da Deputación, Luis Menor, detaballa os obxectivos deste PAI e os seus tres principais eixos de acción, agradecendo previamente o labor e o compromiso dos concellos. “Este é un proxecto realmente sentido polos alcaldes, que nace para dar satisfacción ás vosas necesidades e que ademais vai a rematar nun obxectivo común: o desevolvemento da comarca”. Tamén agradecía o labor dos técnicos neste proxecto, “moi ben pensado e que penso que non pode ser rexeitado porque este proxecto reúne todos os requisitos técnicos e económicos e de todo tipo para que sexa necesariamente aceptado no marco desta distribución de fondos”.
Cinco son os puntos de partida do proxecto, tal e como detallaba Luis Menor, a abordaxe do reto demográfico, o reforzo da cooperación intermunicipal, a mellora da mobilidade e da conectividade interior e sostible, a diversificación económica e a preservación do medio e do patrimonio natural anteza a ameaza do cambio cllimático.
Para iso cóntase cun plan de actuacións integrais con tres grandes eixos. O primeiro deles é Coopera Valdeorras, “un programa para traballar como territorio unido. Con esta cooperación buscamos promover un turismo sostible, poñendo en valor o noso patrimonio cultural e natural, recuperar camiños e sendas históricas como o Camiño de Inverno e fortalecer a identidade de Valdeorras como destino de calidade”, adiantaba o presidente da Deputación.
Ademais, preténdese unha Valdeorras Cohesionada, “que busca mellorar a calidade de vida da súa xente, e, polo tanto, faremos actuacións de rexeneración urbana, de acceso á vivenda, ese gran problema que ten a sociedade e que aquí se aborda, e tamén de fortalecemento do comercio local, como un dos piares de creación de riqueza desta comarca. Habilitaranse novas vivendas públicas para fomentar ese asentamento de poboación, polo tanto, aliñado con ese obxectivo de aumento de poboación e de fixar poboación, crearemos espazos públicos, accesibles e dinámicos para atender ás necesidades das persoas, especialmente ás maiores, e tamén impulsaremos axudas para dixitalización e para a modernización do comercio local”, matizaba Luis Menor.
O terceiro dos eixos é unha Valdeorras Sostible, con “con accións importantes para lograr a transición ecolóxica e a daptación ao cambio climático. Para iso rehabilitaremos espazos naturais chaves como a marxe do Sil, ese título tan vertebrador como é polas ribeiras do Sil que marca esa colaboración e esa guía”, indicaba o presidente da Deputación de Ourense. Tamén se pretende implementar un plan de “mobilidade sostible con redes de bicicletas eléctricas e melloras no transporte público, o que falabamos da conectividade interior sostible, e reforzaremos as medidas de prevención de incendios e xestión de riscos climáticos”.
O presidente da Deputación concluía asegurando que “comprometémonos a garantir unha execución eficiente dos fondos europeos, facilitar a asistencia técnica e promoveremos a transparencia e a participación. Estamos ante un proxecto de todos e Iimos a traballar para que isto se aprobe, eu pido a unión de todo o mundo”.
Fotos e vídeos: O SIL.