Última hora

Unha mostra itinerante dedica cada un dos 6 parque naturais a unha galega ilustre

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático inaugura, co gallo do 8M, a mostra ‘Parques naturais en feminino’ no Centro de Visitantes Casa da Costa, en Corrubedo

Vista dos Penedos de Oulego, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Xunta de Galicia presentaba esta mañá en Ribeira, coincidindo co Día Internacional da Muller, unha exposición itinerante para dedicar cada un dos seis parques naturais a unha galega ilustre e recoñecida polos seus méritos e contribución en diferentes eidos sociais, científicos e culturais.

Durante a inauguración da mostra, que desde hoxe está dispoñible no Centro de Visitantes Casa da Costa, no Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou que un dos obxectivos cos que se promove esta exposición é establecer unha ligazón entre a riqueza natural destes espazos protexidos e a pegada que deixaron ao longo da historia mulleres consideradas referentes nos seus respectivos campos.

“Tantos os nosos parques naturais como as galegas ilustres son parte do patrimonio feminino de Galicia”, declarou a conselleira, que considerou que as súas historias son “un legado que hai que protexer e dar a coñecer” para que sirvan de “exemplo inspirador” na construción dun mundo onde a “igualdade e a sustentabilidade sexan piares fundamentais”.

En concreto, as seis protagonistas dos paneis que integran a mostra presentada en Corrubedo son Elisa Patiño (Monte Aloia); Ángela Ruíz (Fragas do Eume); Antonia Ferrín (Serra da Enciña da Lastra); Filomena Dato (O Invernadeiro); Exeria (Baixa Limia-Serra do Xurés) e Ángeles Alvariño (Corrubedo).

Seis mulleres “inconformistas” e “adiantadas á súa época”, como destacou a responsable autonómica, escollidas entre tantas outras por ser claves para o progreso social e económico da Comunidade e como referentes a nivel nacional e, incluso, internacional.

Acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, a conselleira salientou tamén que a mostra Parques naturais en feminino pretende servir para ligar e dedicar os logros da cada unha delas a un destes espazos protexidos.

“Debemos seguir protexendo a nosa historia, a nosa natureza e os nosos dereitos coa mesma paixón coa que estas seis mulleres defenderon os seus ideais”, reflexionou Ángeles Vázquez, que incidiu en que a defensa do medio ambiente e o avance cara a unha sociedade máis xusta e sostible deben ser “tarefa de todos”.

Back to top button