
Desde o ano 2021 o CSIC traballa no asentamento lucense de Monte Cido (Folgoso do Courel) no marco dun proxecto financiado pola Dirección Xeral de Patrimonio e que conta co apoio do Concello, das asociacións locais e da Comunidade de Montes de Moreda. Os resultados da investigación revelan que se trata dun asentamento de nova planta, fundado no s. I d.C., que desempeñou un papel destacado no control e na explotación do territorio, nomeadamente dos recursos auríferos. Logo do seu abandono, o sitio foi reocupado e transformado durante o s. V d.C., dentro dun proceso de redefinición da sociedade e da paisaxe política no contexto da desintegración do Imperio Romano.
O traballo levado a cabo no Monte Cido encádrase nun proxecto máis amplo dirixido desde o CSIC que busca comprender a evolución do territorio dos montes do Courel desde a Idade do Ferro ata a Tardoantigüidade. O estudo da minería romana do ouro e o seu impacto na configuración social e territorial ocupan un lugar destacado. As escavacións arqueolóxicas realizadas na Mina da Toca ou os traballos de documentación no Montefurado do río Sil son parte deste enfoque global, que permite ademais enriquecer os contidos científicos e didácticos do Xeoparque.
O sábado 5 de abril as xornadas comezarán na Estación Científica da USC en Seoane. Brais Currás, Científico Titular do IH do CSIC abrirá a xornada cunha presentación da síntese dos resultados das escavacións realizadas no Cido desde o ano 2021. Luis F. López González, da empresa de arqueoloxía Terra Arqueos e membro do Comité Científico do Xeoparque, ofrecerá unha visión máis ampla da evolución da paisaxe do Courel desde a protohistoria ata a dominación romana, mostrando os resultados da súa tese de doutoramento. Inés Sastre, Investigadora Científica do IH do CSIC, explicará a importancia do Pacto de hospitalidade do ano 28 d.C. atopado no Monte Cido, e falará das importantes transformacións sociais que implica a integración das comunidades locais baixo o dominio de Roma.
Mercedes Fuertes Fuente, profesora do Departamento de Geología da Universidad de Oviedo, experta en mineralizacións auríferas, aportará unha visión xeoarqueolóxica para comprender as minas de ouro do Xeoparque. Por último, F. Javier Sánchez-Palencia, Profesor de Investigación ad honorem do IH do CSIC, falará das últimas investigacións realizada nas Médulas, presentando un exemplo de como unha perspectiva integral desenvolvida desde a Arqueoloxía da Paisaxe pode aportar resultados de gran relevancia científica e patrimonial.
A xornada do día 5 pechará cunha mesa redonda moderada por Nekbet Corpas, investigadora do IH do CSIC, na que se falará do futuro do Courel e do xeito no que o patrimonio cultural pode axudar a afrontar os desafíos das zonas rurais. Participarán na mesa Roberto Castro, presidente do Xeoparque Montañas do Courel; Lola Castro, alcaldesa de Folgoso do Courel; Roberto Pena, Xefe de Servizo de Arqueoloxía da
Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; José Manuel Blanco, da Asociación Cultural San Xoán de Seoane do Courel e Carlos Castro, da Comunidade de Montes de Moreda. O domingo 6 as xornadas rematarán con unha visita guiada ao Monte Cido.