En portadaÚltima hora

A Real Sociedad Española de Historia Natural, no Xeoparque Mundial Montañas do Courel

Desenvolverá diversas actividades nos museos, percorrerán algúns puntos de interese natural nos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, e participarán en actividades de carácter máis académico

Proximidades da localidade de Montefurado (Quiroga)./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

Entre os días 14 e 16 de marzo de 2025, unha representación da Real Sociedad Española de Historia Natural (RSEHN) visitará o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel. Durante a súa estadía, desenvolverán diversas actividades nos museos, percorrerán algúns puntos de interese natural nos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, e participarán en actividades de carácter máis académico, concentradas nunha xornada de conferencias o domingo.

Estas xornadas planificáronse nunha reunión na sede da RSEHN en Madrid, o pasado mes de  novembro, na que participou o presidente do Xeoparque, Roberto Castro e membros da xunta directiva da entidade científica, coordinando esta actividade o profesor José Luis Viejo, expresidente da RSEHN.

“O obxectivo do encontro é dar a coñecer o rico patrimonio natural e cultural deste territorio e establecer relacións de carácter científico cunha das entidades máis relevantes de España, que pode concretarse en visitas futuras, investigacións ou na publicación de traballos”, tal e como se informa dende o Xeoparque.

A Real Sociedad Española de Historia Natural

A Real Sociedad Española de Historia Natural (RSEHN) é a institución científica privada máis antiga de España, fundada en 1871 co obxectivo de fomentar o estudo e a divulgación das ciencias naturais. Desde a súa creación, desempeñou un papel clave na investigación e difusión de disciplinas como a zooloxía, a botánica, a xeoloxía ou a paleontoloxía.

Ao longo da súa historia, a RSEHN impulsou numerosas iniciativas científicas, como a publicación de revistas especializadas, a organización de congresos e a promoción de expedicións científicas. Tamén ten contado coa participación de destacados naturalistas e científicos, contribuíndo ao avance do coñecemento sobre a biodiversidade e os ecosistemas da Península Ibérica.

Na actualidade, a sociedade segue activa mediante a organización de conferencias, a colaboración con outras institucións científicas e a promoción de proxectos de investigación e conservación do patrimonio natural. Conta, e sempre contou, cos académicos/as e investigadores/as máis importantes das Ciencias Naturais en España. Como exemplo, indicar que un dos seus presidentes, en 1896, foi o Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía e descubridor da neurona, Santiago Ramón y Cajal.

 

 

Programa de actividades

O venres pola tarde, o grupo será recibido en Montefurado, á porta do territorio, polo presidente Roberto Castro e o técnico Roi Sampedro, do Xeoparque. Alí visitarán as explotacións romanas e a igrexa parroquial, para logo dirixírense ao Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana de San Clodio.

O sábado realizarán unha visita a distintos puntos de interese do Xeoparque, como o pregamento deitado de Campodola, a Devesa da Rogueira, o Centro da Fundación Legar na “Aldea Paleozoica” da Seara e o Museo Xeolóxico de Quiroga, tralo que quedarán a gozar dos Cantos de Taberna que se celebran nesta vila.

O domingo, terá lugar unha xornada académica no salón de actos do Concello de Ribas de Sil, na que os e as profesionais da RSEHN serán protagonistas, cunha serie de conferencias abertas a todo o público interesado. As intervencións serán as seguintes:

10:00- Presentación da xornada
D. José Luis Viejo Montesinos. Real Sociedad Española de Historia Natural
D. Luis Fernández López. Concelleiro de Educación e Cultura. Concello de Ribas de Sil
10:10- El Geoparque UNESCO Montañas do Courel
D. Roi Sampedro Rañó. Xeólogo do Xeoparque.
10:45- La Real Sociedad Española de Historia natural: breve reseña histórica, actualidad y perspectiva de futuro Dr. José Luis Viejo Montesinos. Catedrático de Zooloxía. Universidad Autónoma de Madrid. Vocal expresidente da xunta directiva da RSEHN.
11:45- O Courel, reservorio de la fauna más ancestral de Galicia
Dr. Raimundo Outerelo Domínguez. Profesor honorario do Departamento de Biodiversidade, Ecoloxía e Evolución da Universidad Complutense de Madrid. Editor do boletín da RSEHN.
12:30- Geología del Geoparque Montañas do Courel. Ollo de sapo Dr. Agustín Pieren. Profesor e director do Departamento de Xeodinámica, Estratigrafía e Paleontoloxía da Universidad Complutense de Madrid. Vocal expresidente da xunta directiva da RSEHN.
13:10- Los alimentos: cultivo y comercialización en la literatura española Dra. María Eugenia Gil Merlo. Profesora de Bioloxía e Xeoloxía. Vogal da xunta directiva da RSEHN.

Participantes

Acudirá ao Xeoparque un grupo de 35 persoas, formado fundamentalmente por docentes e investigadores de áreas relacionadas coas Ciencias Naturais, da Universidad Complutense de Madrid, a Universidad Autónoma de Madrid e centros de ensino secundario, xunto con alumnado de grao das devanditas universidades. Dentro do grupo cabe destacar a presenza da presidenta da Olimpíada Española de Bioloxía, Consuelo Sánchez, e do presentador e director del programa de Radio Nacional de España, Entre Probetas, José Antonio López (JAL).

Back to top button