O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistía esta mañá á Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), sita na Estrada, para facer entrega de novos equipos e dotación material a 87 concellos con agrupacións de voluntarios de Protección Civil procedentes de concellos de toda Galicia. “Imos seguir cubrindo as necesidades e renovando o material destas agrupacións”, indicou.
Durante a súa intervención, na que estivo acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Dievo Calvo, Rueda reivindicou o papel destes voluntarios como piar do modelo de emerxencias de Galicia. “Cómpre destacar o traballo e o espírito de servizo dos milleiros de voluntarios que dedican o seu tempo libre a botar unha man aos demais”, salientou Rueda.
Os equipos entregados ás asociacións inclúen conxuntos de ferramentas eléctricas para a atención ás emerxencias; material loxístico de seguridade viaria; remolques para as situacións de risco; e tendas de campaña, todo por unha contía próxima aos 417.000 euros, co-financiado polos fondos Feder-Galicia 2021-2027.
Entre esas agrupacións había 29 da provincia de Ourense: as de Allariz, Baltar, Baños de Molgas, Barbadás, A Bola, O Bolo, Calvos de Randín, O Carballiño, Cortegada, Cualedro, Entrimo, Larouco, Laza, Maceda, Mancomunidade do Ribeiro, Mancomunidade Terra de Celanova, Manzaneda, Maside, A Mezquita, Muíños, Petín, A Pobra de Trives, A Porqueira, Ribadavia, Sandiás, Sarreaus, Verín, Vilar de Barrio e Xinzo de Limia.