
O atleta valdeorrés Carlos Revuelta Parra atópase en Chipre coa selección española, para a Copa de Europa de lanzamentos, como técnico do seu pupilo Kevin Arreaga, actual campión de España de martelo ao aire libre, e subcampión no concurso de inverno. Nese Campionato de España de inverno, que tiña lugar hai 15 días en Castellón, outro dos atletas aos que adestra, Pedro Martín, obtivo o ouro.
Ademais, o valdeorrés, que tamén participaba por decimosegunda vez neste nacional, era sexto, e outro máis dos seus lanzadores, Juan Jiménez, era oitavo. Catro atletas entre os 8 mellores absolutos de España é un moi bo balance.
A nivel persoal, Revuelta móstrase moi satisfeito cos resultados obtidos ata o de agora nesta tempada, na que xa ten marca para o Campionato de España absoluto ao aire libre, no que será tamén a súa décimo segunda participación. Ademais, a isto súmase o título de campión galego absoluto no campionato celebrado precisamente no Barco en febreiro.