EntrevistasÚltima hora

Luis Manuel Gurriarán: “Neste libro vinculei 120 anos da hospedaxe coruñesa coas historias das persoas que pasaron por este hotel”

O escritor barquense presenta o 17 de marzo “Del Gran Hotel de Francia al Hotel España” na Coruña

Luis Manuel Gurriarán con varios exemplares do seu novo libro.

 

Multitude de historias nun mesmo espazo e trazadas ao longo de 120 anos. O tempo no que funcionou como establecemento hoteleiro no centro da Coruña o Gran Hotel de Francia, cuxo nome mudaba na década dos 40 para converterse en Hotel España. O valdeorrés Luis Manuel Gurriarán afonda no seu novo libro na memoria da hospedaxe na cidade herculina, percorrendo unha serie de feitos, anécdotas e vivencias acontecidas neste hotel, que el mesmo rexentaba na súa última etapa, entre os anos 1998 e 2008.

É a quinta publicación deste escritor barquense, con dúas novelas no seu haber (La Ruta de Las Estrellas e ¿Lidia o Victoria? ), ademais da guía Rutas por Galicia e da publicaciónLa verdadera historia de la puta mili.

Este novo libro de Gurriarán, Del Gran Hotel de Francia al Hotel España (Publicaciones Arenas, 2025), presentarase o 17 de marzo ás 20h. no salón de actos do Sporting Club Casino da Coruña (rúa Real, número 83). A intención de Gurriarán é presentalo tamén no Barco, pero, polo de agora, non ten data.

¿Que o leva a escribir sobre este hotel coruñés?

Eu vivín a súa última época, rexenteino nos seus dez últimos anos. Quen me animoume a escribilo foi o editor Manuel Arenas, que nunha ocasión durante unha conversa díxome ¿por que non escribes un libro das anécdotas do hotel? Quedeime coa copla e un día empecei a tomar notas e a escribir sobre este tema, logo fun vendo como artellalo e aí foi cando apareceu toda a parte histórica e o percorrido dende Grande Hotel de Francia, Hotel de España e peche. Foron dous anos de traballo.

É un libro de historias, pero non unha novela…

Comeza narrando unha historia da hotelería, da hospedaxe na Coruña, dende finais do século XIX cando se abre o Gran Hotel de Francia, que termina sendo Hotel España, por unha orde ou unha suxerencia do réxime, do caudillo, ao que non lle gustaban os nomes estranxeiros e menos cando non eran do seu ámbito ideolóxico. Narro a historia de como vai cambiando a hotelería e os feitos que van acontecendo dende finais do século XIX e primeiros do XXI nese establecemento.

Despois ese hotel, que era un precioso edificio nos Cantóns, con galerías e obra dun arquitecto famoso, foi derrubado e, tras unha profunda remodelación, iniciou outra vida con outro nome e xestión.

 

O autor valdeorrés xunto ao edificio, agora rehabilitado, que antano albergaba ao Gran Hotel de Francia e logo Hotel España, na cidade da Coruña.

 

¿Como son eses relatos?

Vou narrando feitos que aconteceron dentro dese hotel. Moitos xa as coñecía e fun tirando do fío, e logo foron apareceron arquivos e cedéronnos algunhas fotos, e a partir de aí artellando o libro, ligando unha historia con outra ata chegar á parte que eu realmente coñecía porque a vivín, que vai de finais do XX e primeiros do XXI, que é onde centro máis as historias. Aconteceron cousas moi curiosas e de todo tipo, dende deportivas, amorosas, algunha cruenta, ata mortes dentro do propio establecemento…

Realmente así é a vida diaria nun hotel, pero non nos fixamos moitas veces, e, co paso do tempo cando te decatas da gran cantidade de situacións vividas, de que xente pasou por aí, por ese hotel: reis, políticos, toureiros, escritores, pintores, facíanse presentacións de libros, exposicións de cadros… Tiña unha actividade moi variada.

Era un hotel con150 prazas, e non sempre estaba cheo, pero ao final era moita xente que pasa e acontecen moitas cousas, dalgunhas non te enteras, porque suceden dentro dunha habitación, e doutras si, porque trascenden, e esas son as que conto. E moitas veces non só as que trascenden dentro, senón as que veñen de fóra para dentro, que tamén ten a súa graza e a súa importancia.

Polo tanto, o libro aborda a historia do hotel, pero tamén ten esa parte vivencial e persoal…

Si, mesmo se publica unha foto dunha serie de persoas, entre elas, Casares Quiroga, que estaba festexando a vitoria aliada da primeira guerra mundial nun xantar no hotel.  Son moitas pequenas historias que se xuntan aí nunhas páxinas e, penso que ben contadas, porque as vivín a maioría en primeira persoa e as outras contoumas a xente do entorno.

No libro só cito nomes de personaxes históricos máis ou menos coñecidos, como o rei Alfonso XIII que pasou por alí ou a rexente, que pasaron por alí, pero á xente actual non lle poño nomes, aínda que si que resultan identificables.

Penso que é un libro agradable de ler, dunhas 100 páxinas e ameno, ademais está acompañado de numerosas fotografías. Espero que teña moito éxito.

Texto: A.R.

Fotos cedidas por Luis Manuel Gurriarán.

Back to top button