EconomíaEconomíaÚltima hora

Novo laboratorio de cultivo de planta biotecnolóxica no Viveiro de Tragsa en Maceda

 

Esta mañá tiña lugar a inauguración do novo laboratorio de cultivo de planta biotecnolóxica no Viveiro de Tragsa, situado no concello de Maceda. Unhas novas instalacións implican un avance científico no ámbito dos materiais forestais de reprodución, co obxectivo de acadar unha produción de 100.000 plantas biotecnolóxicas anuais de especies como o castiñeiro ou o piñeiro, entre outras.

Este laboratorio servirá para levar a cabo traballos de investigación relacionados coa reprodución in vitro de materiais forestais de alto valor.

Trátase dunha instalación de última xeración, equipada con tecnoloxía punta, que, tal e como explicaron os seus responsables, significa un fito importante no seu compromiso coa innovación e o avance científico no ámbito dos materiais forestais de reprodución. Constitúe unha ferramenta fundamental non só para repoboar con planta da maior calidade, senón tamén para manter as especies vexetais autóctonas, máis resistentes e mellor adaptadas aos ecosistemas.

 

 

Nesta presentación, o subdelegado estivo acompañado pola alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo; o xefe da Unidade Territorial Noroeste de Tragsa, Manuel Villarroel; a coordinadora do Viveiro de Maceda, Rosario Martel Muñoz; e outras autoridades. Todos eles fixeron un percorrido polas instalacións do Viveiro de Maceda para coñecer de primeira man as capacidades deste novo laboratorio.

O subdelegado do Goberno puxo en valor “a innovación permanente” destas instalacións para a selección de especies arbóreas, como castiñeiros, carballos, sobreiras e coníferas, que se distribuirán por toda España. “O seu obxectivo é innovar para conseguir mellorar as especies, loitando contras as enfermidades e fungos, e contra os danos que causa nalgunhas delas o cambio climático. É un proxecto pioneiro”, sinalou Santos.

De feito, o Grupo Tragsa agarda que este proxecto permita transferir o traballo dos centros de investigación públicos ao sector agroforestal, do xeito preciso para que teña impacto a medio e longo prazo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button