ConcellosÚltima horaVilariño de Conso

Obras de mellora da eficiencia enerxética no Centro de Interpretación do Parque Natural do Invernadoiro

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, a directora xeral de Patrimonio Natural e o delegado territorial da Xunta en Ourense visitaban hoxe as instalacións e izaron a bandeira azul da ruta de Aceveda

 

A Xunta de Galicia comezará o vindeiro mes de abril as obras de rehabilitación enerxética das edificacións que integran o complexo do Centro de recepción e interpretación do Parque Natural do Invernadeiro, unha actuación na que se investirán preto de 1,2 millóns de euros financiados con fondos europeos no marco do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (Pirep).

Durante unha visita ás instalacións, que teñen máis de 20 anos de antigüidade e están integradas por varios edificios con diferentes usos, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que o inicio das obras está previsto para finais do mes que vén, cun prazo de execución de 12 meses, e grazas ás mesmas se aspira a reducir en arredor dun 80% o consumo de enerxía primaria non renovable.

Entre as actuacións a executar, cómpre subliñar a mellora do illamento térmico de fachadas e cubertas, a incorporación de ventilación mecánica con recuperación de calor, a instalación dunha nova carpintería exterior e dunha bomba de calor por xeotermia para mellorar o sistema de calefacción, e a substitución da iluminación actual e das placas fotovoltaicas existentes nos edificios.

 

 

En concreto, o Parque Natural do Invernadeiro conta cunha serie de edificios e construcións que forman parte das súas instalacións e se concentran arredor de dúas zonas: a Ribeira Pequena e a Ribeira Grande.

Na Ribeira Pequena (a máis próxima á entrada do espazo protexido) está localizado o edificio de recepción de visitantes, destinado a recibir e orientar ás persoas que se achegan ata o parque, dentro do horario de entrada e saída fixado e previa autorización da Consellería. Precisamente estes días, o centro de recepción do Invernadeiro acolle a exposición Parques naturais en feminino promovida pola Consellería con motivo do 8M, unha mostra itinerante que dedica cada un dos seis parques naturais a unha galega ilustre, recoñecida pola súa contribución en distintos eidos sociais, científicos e culturais.

Por outra banda, na Ribeira Grande está o edificio destinado a uso público, que alberga aos monitores da aula da natureza ou a investigadores que realizan os seus labores científicos no seo do Parque Natural do Invernadoiro. A Aula da Natureza localízase tamén nesta mesma zona e nela realízanse actividades dirixidas a grupos de escolares.

 

Plan de acción na rede de parques

Tal e como se recolle no Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Invernadeiro, o mantemento das construcións e edificios que integran o complexo recae sobre a Xunta, titular deste espazo natural e responsable da súa xestión. Pero ademais, no marco do Programa de conservación e mellora das infraestruturas, instalacións e equipamentos dos parques naturais, Ángeles Vázquez explicou que o seu departamento tamén realiza investimentos e intervencións continuas nestes espazos protexidos.

De feito, só no período 2024-2026 a Xunta ten comprometido un investimento de 18,5 millóns de euros a través dun plan integral de actuación para preservar a Rede galega de parques naturais e poñelos en valor como elementos clave ante o cambio climático.

En concreto, no caso do Invernadeiro, a responsable galega salientou que se acaba de renovar toda a sinalización, cun investimentos de 21.578 euros, co fin de divulgar entre os visitantes a biodiversidade e principais valores que definen este espazo natural.

Neste sentido, convidou á cidadanía en xeral e aos amantes do turismo de natureza a achegarse ata Vilariño para coñecer este parque, entre cuxos principais atractivos destacou a ruta de sendeirismo de Aceveda, recoñecida por segundo ano consecutivo co distintivo sendeiro azul da Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac).

Precisamente, a conselleira participou tamén esta mañá, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e da directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, no izado oficial da bandeira que acredita á senda de Aceveda —de 8 quilómetros de lonxitude e cuxo punto de inicio está na Ribeira Pequena— como unha das 54 rutas galardoadas en 2025 en Galicia, que deste xeito, volve ser a comunidade con máis sendeiros azuis do país.

 

Back to top button