
Con novas da Unión Europea iniciaban esta semana os Concellos de San Xoán de Río e Parada de Sil. Cada un deles, por separado e de forma histórica en España, teñen sido seleccionados como finalistas para o prestixioso Premio Capitais Europeas da Inclusión e a Diversidade 2025. Este importante recoñecemento distingue o compromiso e traballo de ambos municipios “na construción dunha contorna verdadeiramente inclusiva e igualitaria, onde cada persoa se sinta valorada, parte do territorio e con oportunidadesde prosperar”, tal e como sinalan ambas entidades.
San Xoán de Río e Parada de Sil, dous municipios da Ribeira Sacra ourensá con poboacións moi similares, de pouco máis de 500 habitantes cada un, foron recoñecidos por separado pola súa dedicación para fomentar a inclusión e a diversidade. Este logro destaca o seu esforzo por crear comunidades onde toda a cidadanía, independentemente do seu xénero, orixe, circunstancias ou condición, poidan sentirse parte integral do tecido social.
O alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez Díaz, expresa o seu entusiasmo ante este nomeamento. “Ser finalista a Capital Europea da Diversidade, é unha honra inmensae un testemuño do esforzo colectivo do ecosistema social do territorio. En Parada de Sil, cremos firmemente que a diversidade é unha fortaleza e traballamos día a día para crear un espazo onde todas as voces sexan escoitadas e todas as persoas teñan as mesmas oportunidades. Este nomeamento, xunto aos nosos veciños e veciñas de San Xoán de Río, impúlsanos a seguir profundando nas nosas políticas e accións en favor da inclusión e a igualdade”.
Pola súa banda, o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, asegura que “este recoñecemento é un reflexo do espírito acolledor e solidario do noso territorio. Enorgullécenos compartir este nomeamento con Parada de Sil, un municipio co que compartimos non só territorio e demografía, senón tamén unha profunda vocación de servizo á cidadanía e un compromiso inquebrantable coa inclusión. Seguiremos traballando para construír un futuro aínda máis inclusivo para nosas veciñas e veciños”.
Os dous concellos aspiran de forma independente ao premio na categoría de Cidades de menos de 50.000 habitantes, onde ambos compiten con outros 8 municipios europeos: 2 máis en España: L’Alfàs do Pi e Usurbil, 4 en Italia: Francavilla Fontana, Gualdo Tadino, Settimo Torinesee Sogliano ao Rubicone; Mariehamn en Finlandia; Platanias en Grecia.

Pero non só iso senón que ademais, San Xoán de Río e Parada de Sil foron nomeados tamén como finalistas ao Premio Especial en Vivenda Inclusiva, xunto a Braga en Portugal, Francavilla Fontana e Gualdo Tadino en Italia, Salzburgo en Austria, e Usurbil e Zaragoza en España.
“O feito de que dous municipios pequenos, con recursos limitados, fosen seleccionados como finalistas entre un gran número de candidaturas de toda Europa, é un logro significativo que pon de relevo o impacto que poden ter as iniciativas locais cando se basean nun compromiso xenuíno coa inclusión”, sinalan os concellos.
Estes municipios finalistas darán o seguinte paso no seu camiño ao viaxar a Bruxelas o 29 de abril de 2025 para participar na cerimonia de entrega de premiose ter cada un deles, a oportunidade de obter o título de Capital Europea da Inclusión e a Diversidade.
Ademais, compartirán as súas iniciativas, conectarán con outros axentesde cambio e celebrarán o seu compromiso coa inclusión e a diversidade. Desde a Dirección Xeral de Xustiza e Consumidores da Unión Europea, animan a toda a cidadanía a acompañar de forma virtual aos Concellosna gala de entrega de premios o próximo 29 de abril rexistrándose no evento: https://eu-diversity-inclusion.campaign.europa.eu/event_nos
Os Concellos de San Xoán de Río e Parada de Sil celebran estes dobres nomeamentos como un recoñecementoao seu labor e un impulso para seguir traballando, da man, porun futuro aínda máis inclusivo para as súas comunidades.