En portadaÚltima hora

A Feira do Viño de Quiroga abrirase cunha homenaxe aos primeiros organizadores deste evento

Será o venres 18 de abril e terá dúas partes: unha adicada aos pioneiros nesta exaltación do viño quirogués e a outra aos que os acompañaron nos primeiros anos

Imaxe dunha edición anterior da Feira do Viño de Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tras o remate da Mostra do Aceite vén de poñerse enmarcha a engranaxe para a celebración da Feira do Viño de Quiroga os días 18, 19 e 20 deste mes de abril. Tráballase nunha das partes do certame que servirá como recoñecemento aos seus primeiros organizadores. Unha comisión presidida polo tenente de alcalde, Vicente Parra, encargarase de crear un acto homenaxe que englobará unha pequena exposición.

Con este acto poñerase fin aos recoñecementos que se iniciaron no ano 2021 cando por mor da pandemia non se puido levar a cabo a Feira do Viño e realizouse unha homenaxe a través dunha exposición e a publicación dunha revista aos viticultores. Agora o recoñecemento será para os impulsores da feira que traballaron nos primeiros anos (1980 – 1985) para que a Feira do Viño teña o impulso que ten a día de hoxe.

O acto que se desenvolverá o venres 18 de abril, como pistoletazo de saída a XLIII Feira do Viño de Quiroga, terá dúas partes. Unha adicada aos pioneiros nesta exaltación do viño quirogués e a outra aos que os acompañaron nos primeiros anos.

Para a realización desta homenaxe, Vicente Parra, fai un chamamento a todas aquelas persoas que puidesen ter algún documento gráfico, especialmente fotografías, das primeiras Feiras do Viño entre os anos 1980 a 1985. As fotografías pódense entregar na Casa da Cultura en horario de mañá, onde se escanearían para a continuación devolverllas aos seus propietarios.

 

Back to top button