
A Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG-PSOE da cidade de Ourense vén de emitir un comunicado para trasladar o seu “pesar e tristeza pola recente morte do histórico militante do partido Plácido Diz Diz e todo o apoio e azos para o seu fillo Pepe Diz, tamén militante socialista, nestes duros momentos”.
Así mesmo, dende a CEM destácase o “férreo compromiso” de Diz “coas siglas do partido de xeito inesgotable e reivindicativo participando incansable e activamente nas asembleas, as campañas electorais e os diferentes actos organizados polos e polas socialistas, en moitas ocasións acompañado da súa muller, tamén militante xa falecida, e levando con orgullo a súa pertenza ao PSOE”.
Ademais conclúen o seu comunicado indicando que “hoxe é un día triste para o socialismo ourensán ao quedar a agrupación municipal de Ourense orfa dun home bo e xeneroso no só como militante, senón tamén coidando da súa muller Pepita ata os seus últimos días”.
Dende a CEM enviamos unha forte aperta á familia e amizades de Plácido Diz nestes tristes momentos e comprometémonos a continuar lembrando aos que, coma el, traballaron sen cesar a prol da liberdade, a xustiza e a reparación nesta cidade.