
A presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), Marisol Novoa Rodríguez, acompañada por outros membros do equipo de goberno da entidade, vén de realizar unha visita institucional á sede da Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense (ATAVE).
Esta visita, promovida pola directiva da asociación, tivo como obxectivo fortalecer os vínculos de colaboración e abrir novas vías de traballo conxunto. Durante a xornada, ambas as organizacións mantiveron un espazo de diálogo aberto no que se abordaron as principais necesidades do sector, así como os retos actuais derivados dos avances tecnolóxicos e das esixencias ambientais.
A presidenta da CEO puido coñecer de primeira man o traballo que desenvolve ATAVE e reafirmou o compromiso da confederación coa modernización, profesionalización e competitividade do sector. No transcurso do encontro, púxose en valor a importancia de seguir impulsando a formación continua, a cualificación técnica e a adaptación do tecido empresarial aos novos escenarios que expón a mobilidade sostible e a dixitalización.

Ambas as entidades coincidiron na necesidade de establecer obxectivos estratéxicos comúns que reforcen o posicionamento do sector na provincia. Marisol Novoa agradeceu a invitación da directiva de ATAVE e recoñeceu a traxectoria da asociación como referente provincial na defensa e representación dos talleres de reparación.
Pola súa banda, os responsables de ATAVE destacaron a relevancia deste encontro e a súa disposición para seguir estreitando lazos coa CEO mediante proxectos compartidos e liñas de traballo aliñadas coas necesidades reais das empresas. Esta visita forma parte da axenda institucional da CEO, orientada a manter un contacto próximo e permanente coas organizacións empresariais da provincia, co fin de promover sinerxias que impulsen o desenvolvemento económico, a innovación e a cohesión do tecido empresarial ourensán.