
Desde este mércores 9 de abril está aberto o prazo para a inscrición nos concursos dos Maios (enxebres e artísticos), as Coplas e Arcos Florais, organizados pola concellería de Cultura do Concello do Barco con motivo da celebración do Día dos Maios.
As inscricións poden realizarse ata as 12,00 hora do día 29 de abril, e deberán formalizarse, de xeito presencial na oficina da Asociación Centro Comercial Aberto, situada no Viveiro de Empresas (Avda de Galicia, s/n). Nestas oficinas se facilitará aos interesados un modelo para incorporar todos os datos para participar nos concursos.
En total, repartiranse preto de 1.800 euros en premios nas diferentes modalidades.
Os concursos rexeranse polas seguintes bases:
PRIMEIRA: O obxecto deste concurso é o fomento da participación no tradicional Día dos Maios. O concurso terá lugar día o 1 de maio de 2025, entre as 12:00 horas e as 20:00 horas, na Praza do Príncipe do Barco de Valdeorras.
SEGUNDA: Os importes establecidos para os Maios, en cada unha das dúas
modalidades (artísticos e enxebres) son os seguintes:
– Un primeiro premio de 350€
– Un segundo premio de 300€
– Un terceiro premio de 200€
– Dous accésits de 100€
Os importes dos premios para as Coplas serán os seguintes:
– Un primeiro premio de 250€
– Un segundo premio de 150€
– Dous accésits de 75€
O premio único estipulado para os participantes na categoría de Arcos florais é
un lote de libros por valor de 120€.
TERCEIRA: As persoas físicas ou xurídicas que se presenten a este concurso
poden facelo cun único proxecto de actividades ou con varios, valorándose
cadanseu dun xeito independente.
Deberán atender aos seguintes criterios:
a/ Composición e recitado de coplas. As coplas concursantes deberán estar
escritas en galego. Por limitacións de tempo, o xurado poderá indicarlle as
persoas participantes que escollan unhas estrofas das súas coplas para ser
cantadas, que serán, como mínimo, dez estrofas.
b/ Elaboración e exhibición de Maios. Os Maios poderán ser de feitura enxebre
ou artística, utilizando en todos os casos elementos vexetais (non protexidos)
como os únicos que sexan visibles no acabado final. Os Maios deberán estar ás
11:30 horas na praza do Príncipe de Asturias, no lugar que dende a organización
se lles asigne e deberán ser retirados da praza ao finalizar o acto.
c/ Elaboración e exhibición de Arcos florais. Estes elementos poderán ser de
feitura enxebre ou artística, utilizando en todos os casos elementos vexetais (non
protexidos) como os únicos que sexan visibles no acabado final. Os Arcos florais
serán expostos na praza do Príncipe de Asturias, no lugar que se lles asigne polos
membros da organización, e deberán ser retirados da praza ao finalizar o acto.
CUARTA: O prazo de inscrición comeza o día 9 e remata o día 29 de abril ás 12
horas e a mesma deberá formalizarse na oficina da Asociación do Centro
Comercial Aberto O Barco localizada na Avd. de Galicia (Viveiro de empresas),
segundo o modelo que se facilitará e que debe incluír os seguintes datos:
– Nome e apelidos da persoa que fai a inscrición e razón social da entidade que
representa, se fose o caso.
– NIF ou CIF da persoa que fai a inscrición e razón social social da entidade que
representa, se fose o caso.
As persoas ou asociacións participantes na modalidade de coplas deberán
entregar cinco copias das mesmas no momento da inscrición.
QUINTA: Dada a natureza artística das actividades e traballos obxecto de
subvención, os criterios para a valoración das obras son puramente estéticos e
artísticos, podendo destacarse os seguintes:
– Establécense dúas modalidades de Maios: enxebres e artísticos. Maio
enxebre é aquel maio tradicional e figurativo que representa pirámides,
conos ou cruceiros. Maio artístico é o que recrea, cos elementos tradicionais,
figuras, escenas cotiás, monumentos ou obras de arte.
– En relación aos Maios terase en conta a posibilidade de que sexa
transportado por medios non mecánicos e que os elementos estruturais e de
fixación estean ben disimulados, quedando á vista exclusivamente a materia
vexetal.
– Nas coplas o xurado valorará a orixinalidade, a retranca, a composición, o
ritmo, a extensión e a linguaxe utilizados.
– Con relación á categoría Arcos Florais valorarase o deseño e a orixinalidade
dos mesmos.
SEXTA: O xurado estará formado por persoas relacionadas coa organización da
festa e representativas da vida social e cultural do Barco de Valdeorras, o seu
fallo será inapelable e darase a coñecer no propio recinto festivo antes das
20:00 horas.