
A Xunta vén de modificar a normativa que regula a actividade cinexética anual en Galicia e volve a aplicar o Plan de xestión do lobo que estivo vixente ata setembro de 2021 unha vez que entrou en vigor a lei estatal pola que as poboacións ao norte do río Douro saen do Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe). Así o anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, en rolda de prensa, onde indicou que a resolución cos correspondentes cambios saíu publicada hoxe mesmo no Diario Oficial de Galicia. Estaba acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
A responsable autonómica remarcou que en Galicia a caza do lobo vai seguir estando prohibida, con carácter xeral, pero os cambios introducidos na resolución pola que se determinan as épocas hábiles para practicar a actividade cinexética na tempada 2024-2025 supoñen incluílo na relación de especies sobre as que se poden adoptar medidas de control fronte aos danos recorrentes sobre a gandaría coa debida xustificación.

Deste xeito, pasan a ser autorizables accións como as esperas, batidas ou monterías durante todo o ano salvo en abril, maio e xuño -nos que só estarán permitidas as esperas- sempre que se xustifiquen convenientemente eses danos recorrentes ás explotacións gandeiras que poñan en risco a súa viabilidade. Non obstante, esas medidas levarán aparellado ademais un rigoroso seguimento e control por parte da Administración galega co fin de garantir a preservación das poboacións do lobo.
Neste sentido, remarcou a conselleira, vaise facer un seguimento exhaustivo dos expedientes á hora de comprobar que efectivamente se producen danos recorrentes no gando dunha determinada zona. Para iso realizarase unha análise espacial e temporal dos prexuízos sufridos -ten que ser nun espazo curto de tempo e nunha área moi reducida- ao tempo que se comprobará tanto se nas explotacións gandeiras afectadas existen medidas preventivas para evitar os ataques como a súa eficacia.
Esta modificación normativa, salientou Ángeles Vázquez, supón volver á situación previa a setembro de 2021.