
A Denominación de Orixe Ribeira Sacra participará na vindeira edición de FENAVIN, a Feira Nacional do Viño, que se celebrará do 6 ao 8 de maio de 2025 no Pazo de Feiras IFEDI de Cidade Real.
FENAVIN, organizada pola Deputación Provincial de Cidade Real, está considerada a feira de referencia do viño español. Na edición de 2025 contará coa participación de máis de 2.000 adegas e cooperativas, e agárdase a asistencia de preto de 15.000 compradores nacionais e 4.000 internacionais.
A D.O. Ribeira Sacra, en colaboración coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), estará presente no Túnel do Viño de Galicia, un espazo dedicado a amosar a diversidade e calidade dos viños galegos. Nesta ocasión presentaranse 24 referencias da Denominación de Orixe, incluíndo 6 viños brancos e 18 tintos, elaborados por 10 adegas diferentes.
Ademais desta participación institucional, sete adegas da D.O. Ribeira Sacra contarán con stand propio na feira:
- Ronsel do Sil S.L.
- Pazo de La Cuesta SLU
- Dominio do Bibei S.L.U.
- Adega Vella Xeracións SL
- Adega Saíñas C.B.
- Ponte da Boga
- Rectoral de Amandi
A presenza da D.O. Ribeira Sacra neste evento responde ao compromiso do Consello Regulador e das súas adegas por reforzar o seu posicionamento nos mercados nacionais e internacionais, salientando a singularidade dos seus viños e a riqueza vitivinícola do territorio.