ConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco adxudica as obras de reparación da estrada de Soulecín a Castro de Vilariño

Exterior do edificio Multiusos do Barco, onde están boa parte das dependencias do Concello do Barco./ Foto: A.R.

 

O Concello do Barco vén de adxudicar á empresa Excavaciones Goni, SL, as obras de reparación e execución de escolleras na estrada de Soulecín a Castro de Vilariño. O orzamento establecido para este proxecto era de 275.000 euros, e a adxudicación achégase aos 241.000 euros. A empresa disporá de cinco meses para a execución dos traballos, contados a partir da sinatura do contrato, que se formalizará esta mesma semana, segundo indica do Concello.

“A adxudicación do proxecto retrasouse debido á necesidade de solicitar autorizacións a diferentes entidades e organismos, e aos cambios que foi preciso realizar no proxecto”, asegura o Concello do Barco. O camiño que une as localidades de Soulecín e Castro de Vilariño cruza o Cavorco da Moxena, nas proximidades do núcleo de Castro de Vilariño. Este punto da estrada, afectado polos incendios que arrasaron a comarca de Valdeorras no verán do ano 2022, e logo polas fortes tormentas do inverno do ano 2023, sufriu graves danos a consecuencia dos arrastres de terras rexistrados na contorna, provocando a rotura do pavimento en varios tramos da vía.

Debido á obstrución das conducións que permiten o cruce do Cavorco da Moxena, producida polos arrastres, a auga discorreu sobre a calzada, causando o derrube dos taludes adxacentes e da calzada que sostiñan. De feito, algún dos tramos da estrada desapareceu por completo, imposibilitando a circulación pola mesma e supoñendo un perigo para os seus usuarios.

Dada a escasa anchura das rúas do pobo de Castro de Vilariño, esta é a única vía de acceso con vehículos de gran envergadura tanto á localidade de Castro de Vilariño como á de Vilariño, polo que o corte desta estrada supón un gran prexuízo para os habitantes destes núcleos.

As obras teñen por obxecto a estabilización dos taludes da estrada que une Soulecín con Castro de Vilariño mediante a execución dun paso sobre o Cavorco da Moxena, un dique para estabilizar a calzada afectada, unhas aletas de protección na saída do Regueiro de Mourela, e a reposición do terreo afectado así como a limpeza e rasanteo do terreo e a cuneta desta vía. Procederase tamén ao hormigonado da cuneta e á limpeza e reforzo da drenaxe transversal da calzada, así como á reposición do firme da calzada en mal estado.

Para a execución do pontón sobre o Cavorco da Moxena, optarase, segundo o Concello, pola colocación dun marco de formigón prefabricado que facilite a rápida execución do mesmo. O pontón proxectouse tendo en conta o sinalado no Plan Hidrolóxico da conca Miño-Sil e terá unha luz de 2,50 m., a fin de deixar libre o leito.

Os traballos comezarán coa limpeza e roza do terreo afectado polas obras, retirando a maleza e arboleda afectados polos arrastres e avenidas, e co rasanteo do terreo para deixalo no estado anterior aos desbordamentos do arroio. A continuación, procederase á limpeza dos sistemas de drenaxe actuais, e á execución dun camiño provisional para permitir o acceso á maquinaria necesaria para a súa construción.

Dadas as dimensións da maquinaria necesaria para a execución das obras, será preciso acceder pola estrada de Soulecín, polo que para iso comezarase coa execución do dique para estabilizar o terreo e poder circular sobre a mesma e acceder á zona onde se executará o paso sobre o Cavorco da Moxena. Durante a construción do pontón, previuse a execución dun desvío provisional, a fin de afectar o mínimo posible ao leito durante o transcurso das obras. Por último, no paso existente sobre o Regueiro de Mourelas, protexeranse os taludes laterais da estrada mediante diques á saída do cruzamento existente.

A continuación, procederase á limpeza e rasanteo das cunetas e as marxes adxacentes da estrada, e se hormigonará a cuneta para facilitar a evacuación das augas e evitar que estas sigan erosionando o terreo. Realizaranse así mesmo conducións de drenaxe transversal para alivio das augas.

Finalmente, procederase a restituír a calzada con danos, coa colocación dunha laxa de formigón na zona da calzada situada sobre o paso do Cavorco da Moxena, para evitar o repise do terreo nestes puntos, e seguirase logo co rasanteo e nivelado da calzada e o estendido dunha rega de imprimación e unha capa de asfaltado. Por último, colocaranse barreiras de protección sobre os diques e pintaranse as marxes da calzada.

Back to top button