
O presidente provincial, Luis Menor, reafirmaba hoxe en Valdeorras o compromiso da Deputación de Ourense coa reconstrución da Ponte de Barxa sobre o río Xares, no Concello de O Bolo, unhas obras para as que a institución ourensá aprobou recentemente unha subvención nominativa de 132.000 euros ao citado concello. Ademais, a Deputación asumiu o pago da redacción do proxecto, así como a súa posterior modificación, por un importe total de 18.150 euros. En total, 150.150 euros de orzamento da Deputación para esta infraestrutura.
Menor lembrou este compromiso provincial ante as preguntas dos medios de comunicación, tras as informacións publicadas na visita de onte do presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), onte ao Bolo.
O presidente provincial lembrou ademais o convenio bianual establecido entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense para acometer a totalidade das obras que, posteriormente, foron asumidas no 80% dos custes pola CHMS. Porén, 0 20% restante que correspondería asumir ao Concello de O Bolo, é asumido pola Deputación de Ourense grazas a ese financiamento de 132.000 euros, acordado na xunta de goberno do pasado 21 de abril de 2025.