CulturaCulturaÚltima hora

José Rodríguez Cruz e Carlos Ares reúnen nun libro a etnografía, o patrimonio e a historia de Vilariño de Conso

A súa presentación está prevista para o 18 de maio ás 11h. na praza desta vila

Os autores do libro, Carlos X. Ares e José Rodríguez Cruz./ Cedida.

 

“Terras de Vilariño de Conso. Historia, etnografía e patrimonio” é o título do libro que veñen de publicar os investigadores José Rodríguez Cruz, natural da Gudiña, e Carlos X. Ares Pérez, de Viana do Bolo.

Trátase dunha monografía, publicada por Ab Origine Edicións e con ilustracións de Xosé Poldras, na que “deixan constancia do legado histórico e cultural que o paso do tempo foi deixando nas terras de Vilariño de Conso. Neste traballo faise un percorrido polos aspectos que teñen que ver coas tradicións, cos costumes e cos xeitos locais de vida”, segundo a editorial.

 

 

Ademais esta obra combina “datos históricos, arqueolóxicos e etnográficos, achegándonos ao devir histórico deste concello ourensán, ás súas festividades tradicionais, aos ciclos rituais anuais, á economía local e á tradición oral. Nestas páxinas o lector convivirá co lobo da xente, co mito da moura, con labras heráldicas e con cantares de reis, lendas e romances, entre outras expresións do patrimonio material e inmaterial. Tamén coas xentes do lugar”, destaca a editorial.

A presentación deste libro está prevista o vindeiro 18 de maio ás 11h. na praza de Vilariño de Conso, coa presenza dos autores, que estarán acompañados pola alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, entre outros intervintes, como o editor da obra, Rafael Quintía. Logo actuará o grupo de pandeireteiras de Vilariño, Ailalás.

Fotos cedidas.

 

 

Back to top button