Murmurio de ferreñas, entre fitas azuis e brancas abaneadas polo vento, á beira de versos do Cancioneiro Popular Galego. Ao longo dun tramo do céntrico Paseo do Malecón do Barco a lírica popular, que protagoniza as Letras Galegas deste 2025 déixase sentir dende esta tarde.
Un ano máis os centros de ensino do Barco (IES Martaguisela, IES Lauro Olmo, Colexio Divina Pastora, os CEIPs Condesa de Fenosa, Julio Gurriarán e Otero Pedrayo de Viloira) e o CEIP P. Virxe do Camiño de Rubiá únense nun proxecto educativo que busca implicar ao conxunto da sociedade valdeorresa a través desta exposición. Amósase o labor feito durante este curso por alumnado e profesorado destes centros arredor da temática das Letras Galegas, engarzando literartura, creatividade e tradición para festexar a lingua galega.

Entre as árbores do Malecón (co permiso do Concello do Barco), penduráronse esta tarde, facendo fronte á chuvia e ao vento, numerosas pandeiretas, decoradas, debuxadas e escritas con versos de cantigas populares, creadas e transmitidas de avoas a netas a través da tradición oral ata hoxe. Tamén, información e imaxes alusivas ás cantareiras nas que a Real Academia Galega personifica este 17 de maio: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica).

“As pandeiretas son o soporte e o fío condutor da actividade e serán tamén, o instrumento que nos levará pola poesía popular, a mesma onde chegan as nosas raíces, transcendendo no tempo e no espazo, achegando a todos este sentimento de pertenza e de identidade”, destacan dende os Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos sete centros de ensino participantes na iniciativa.
Esta singular e fermosa mostra instalábase esta tarde nun labor final no que participaban os profesores e tamén algún alumno. Está encabezada por un gran mural, obra do alumnado de Bacharelato de Artes do IES Martaguisela do Barco.

Dende os Equipos de Dinamización da Lingua Galega destes centros de ensino piden respecto polo traballo e esforzo do alumnado e confían en que a mostra non sufra danos e poida desfrutarse ao longo dos vindeiros días pola cidadanía.
Fotos: A.R.
