OurenseÚltima hora

“Emprender cos meus fillos” gaña o 3º Concurso de Proxectos de Inspiro celebrado en Expourense

O premio era entregado polo deputado Xosé Miguel Pérez Blecua en representación da Deputación provincial de Ourense, principal promotora de Inspiro e do Concurso

 

Expourense acolleu onte Inspiro, o Terceiro Encontro Interxeracional entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos (Universidade e centros de Formación Profesional) de toda Galicia. Emprendemento, innovación, talento. Maxia e confianza foron os fíos condutores deste encontro coorganizado entre Fundación Expourense e a empresa ourensá Dixital Gou que reuniu a 200 asistentes que participaron activamente no programa de conferencias impartido por unha ducia de expertos. A presentadora Lucía Rodríguez foi a encargada, por terceiro ano consecutivo, de presentar este encontro.

Inspiro albergou ademais a final do Terceiro Concurso de Proxectos Emprendedores no que competiron 11 proxectos creados por alumnos e alumnas procedentes da Universidade de Vigo e dos centros de Formación Profesional Portovello, Santo Cristo, CPR San Martín e Colexio Valle Inclán. Por primeira vez ademais, este concurso estaba aberto a calquera persoa emprendedora con ideas e proxectos innovadores e leste foi precisamente o caso do proxecto gañador: “Emprender cos meus fillos” de Elio Villalobos e Soraya Picouto. Este primeiro premio está dotado con 500 euros e unha mentorización a cargo de DixitalGOU. Os gañadores recibírono de mans do deputado Xosé Miguel Pérez Blecua que representaba á Deputación provincial de Ourense, principal promotora de Inspiro e do Concurso.

 

 

O segundo premio desta 3ª edición do Concurso foi para o proxecto “TurisTEA” de David Rodríguez, Sara Somoza e David Fernández, alumnos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo-Campus Ourense. Está dotado con 350 euros e unha mentorización a cargo de “O Club do Empredimiento”. Foi entregado polas directoras territoriais das Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da de Economía e Industria, Marta Vázquez e Alicia López, respectivamente.

O terceiro premio foi para o proxecto “Visualiza a túa aprendizaxe” de Paula Blanco, Dylan Nieto, María Belén Burckhardt e José Ignacio Ortiz, alumnos da Escola Santo Cristo de Ourense. Este premio está dotado con 250 euros e unha mentorización a cargo de Expourense. Foi entregado pola presidenta da Asociación de Novos Empresarios AJE-Ourense, Noelia Rodríguez Aparicio, xa que esta candidatura participou no concurso como parte do seu “Aprendendo a Emprender”.

A entrega de premios estivo presentada polo director xerente de Expourense e contou coa participación do deputado da Deputación Provincial de Ourense, Xosé Miguel Pérez Blecua; da directora territorial en Ourense da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Marta Vázquez; da directora territorial en Ourense da Consellería de Economía e Industria, Alicia López; da presidenta da Confederación Empresarial de Ourense- CEO, Marisol Novoa; da presidenta de AJE Ourense, Noelia Rodríguez Aparicio, e da directora provincial da Tesourería xeral da Seguridade Social, Iria Fernández Lorenzo.

Back to top button