ConcellosÚltima hora

Susto esta madrugada por un conato de incendio na terraza nun local de hostalaría do Barco

 

Tremendo susto o que levaban a primeira hora desta mañá de 16 de maio os propietarios do Café Teatro Bajo 5 do Barco e a veciñanza da praza do Sagrado, na zona antiga da vila, onde está ubicado este establecemento de hostalaría.

Entre as sete e sete e cuarto desta mañá, unha veciña que acostuma pasear pola zona descubría un obxecto ardendo dentro da terraza deste local e rapidamente interviña, sacando dalí as cadeiras para que “non arderan os toldos da terraza, e por iso queimouse fóra”.

De contado chegaba a Garda Civil e actuaba para controlar o lume e, aínda que tamén estaban avisados os bombeiros do parque comarcal, non foi precisa a súa intervención xa que as lapas apagábanse sen maiores consecuencias, tal e como explican dende este establecemento.

Ver vídeo

A rápida intervención da veciña e da Garda Civil, evitou que o lume se estenderá á terraza, así como ao bar e ao edificio no que se atopa.

Dende o establecemento de hostalaría lamentan este terrible suceso, e non saben “se foi un acto vandálico ou con outros fins, pero non é normal que pase isto”. E amosan a súa gran preocupación e sensación de inseguridade ante feitos como este e tamén ante os roubos que se están a producir dende finais do pasado decembro. Por iso pensan que sería necesario reforzar o número de efectivos das forzas e corpos de seguridade que hai agora mesmo no Barco.

Fotos e vídeo cedidos.

 

Back to top button