
Conta atrás para un dos actos de referencia do programa do X Festival Internacional Mascarada Ibérica, ViBoMask, que se está a celebrar nesta fin de semana en Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Esta mañá poñíase en marcha o ViBoMarket na contorna da praza Maior de Viana e haberá actuacións musicais para animar o ambiente.
Pero, sen dúbida, o acto de referencia desta xornada será o gran desfile da ViBoMask. En total, este ano participan na ViBoMask 48 mascaradas, procedentes na súa maioría da propia provincia de Ourense. Unha vintena de entroidos, ademais doa Boteiros e fulións de Viana e Vilariño, desfilarán polas vilas. Estarán presentes, por exemplo, o fulión e Mázcaras da Mourela p’acá (Manzaneda), as Pantallas de Xinzo, os Cigarróns de Verín, os Peliqueiros de Campobecerros (Castrelo do Val), os Felos de Maceda e representantes de, entre outros, das Bonitas de Sande, os Cabreiros de Muíños, os Follteiros de Lobios, os Labardeiros e Señritas de Mugares (Toén), os Galos de San Pedr da Mezquita (A Merca), as Madamitas e Madamitos de Entrimo, as Mázcaras da Xironda (Cualedro), o Toro e o Xigante de Celavente (O Bolo), os Vellarróns de Riós, os Troteiros de Bande. Das tres provincias restantes virán sete delegacións, con presencia de, por exemplo, madamas e galáns de Cobres, xenerais do Ulla ou das personaxes do entroido ribeirao de Chantada.
No desfile haberá ademais mascaradas de fóra de Galicia. En concreto, visitarán o ViBoMask 11 representantes de Castela e León, das provincias de León, Zamora e Ávila; e delegacións de entroidos de Asturias, Cantabria, Castela-A Mancha (Guadalaxara), Estremadura e País Vasco (Áraba). O evento afianza o seu carácter internacional coa presenza de catro carnavais de Portugal: dúas mascaradas de Bragança, unha de Viana do Castelo e unha de Viseu.
O desfile ten previsto comezar ás 17h. dende o campo da feira nun longo percorrido que chegará a praza Maior e rematará na rúa das Maceiras.