
O Concello de Ribas de Sil vén de conmemorar neste 17 de maio o Día das Letra Galegas 2025 cun acto institucional nun salón de actos cheo que quixo honrar o patrimonio cultural galego. “Este ano, xunto á Real Academia Galega, homenaxeamos á poesía popular oral: as pandereteiras e cantareiras”, explican dende o Concello. A celebración era conducida polo concelleiro de Educación e Cultura,Luis Fernández, coa presenza do alcalde, Roberto Castro.
O programa incluía a presentación do novo libro da escritora Pura Tejelo, “Vestidos de Organdí” da editorial Belagua, e ilustrado por Mon Lendoiro.
Pura Tejelo, con raíces na Ribeira (Quiroga) e visitante permanente da bisbarra, ten publicadas varias obras como A elegancia do século (2017), As Horas de Hanna (2019), Novembro (2021) e Vestidos de organdí (2024). Leva escribindo, sobre todo poesía, desde a década de 1980.

En 2014 gañou o segundo premio do II Certame de Poesía en Lingua Galega Manuel María coa obra Éramos deuses entre a herba seca de agosto. En 2016 gañou o Premio de poesía Johán Carballeira co poemario A elegancia do século. Tamén publicou nas revistas Dorna e Festa da Palabra Silenciada. En 2021 o Patronato da Cultura Galega de Montevideo dedicoulle o Día da Poesía Galega na súa 29ª edición.
Tejelo estivo acompañada polo profesor, compositor, lutier e cantautor quirogués Manuel R. Crespo, afincado en Vigo e fillo de Xoan Rolo, figura destacada na cultura da bisbarra na segunda metade do século pasado. Crespo interpreta composicións propias que pretenden entusiasmar aos máis novo no gusto pola música e pola nosa lingua, e tamén pon música á obra de autores como Manuel María ou Ernesto Guerra da Cal. Durante o acto en San Clodio,
A xornada remataba coa música tradicional, grazas a colaboración da Deputación de Lugo a través do programa TRADIGALU 2025, co grupo de música tradicional Érbedo de Sober, que clausurou o acto coa interpretación do Himno de Galicia, que logo percorreu as rúas de San Clodio, xa entre lusco e fusco.
Fotos cedidas.
