
O trampeo da Vespa velutina para capturar as raíñas durante a primavera, e así interromper o seu ciclo, é unha cuestión clave para frear a expansión deste insecto invasor por Valdeorras, onde xa ten unha notable presenza. Nese senso, pide a colaboración e a concienciación da poboación de cara a trampear.
“A Vespa velutina non só supón un perigo para a apicultura e para outro tipo de producións de froita, senón tamén para o resto da veciñanza, é un problema para o medio ambiente e de saúde pública”, comenta o presidente da Asociación Valdeorresa de Apicultores, Armando Rodríguez.
As raíñas comezan a saír da hibernación na primavera e fan o seu primeiro niño nos salientes das casas, ao lado das fiestras ou en galpóns. E despois, nas árbores froiteiras que van florecendo e é aí onde se pode empezar a trampear.
Por iso, “queremos facer unha pequena chamada á xente a ver se nos bota unha man e trampean pola súa conta porque este ano penso que vai ser a gran eclosión da velutina, están aparecen xa moitas para arriba de Manzaneda, estamos vendo moitísimas. Nunca caeron tantas velutinas como este ano. Aínda queda un mes para poder coller raíñas de velutinas, a ver se nese tempo a veciñanza se animara un pouco a trampear”.