EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Vides con alma, un programa solidario para achegar O Ribeiro ao corazón

Cedidas.

 

Un programa de eventos e actividades que permitirán que os viños do Ribeiro cheguen ao padal pero, sobre todo, ao corazón. Este é o obxectivo de Vides con Alma, unha innovadora iniciativa posta en marcha polos concellos de Leiro, Beade, Castrelo do Miño, Ribadavia, Arnoia, Toén, Cortegada, Carballeda de Avia, Boborás e Cenlle e que permitirán visibilizar e axudar a colectivos sociais ourensáns. O pano da primeira edición ten a Cenlle como anfitrión e á asociación de enfermidades raras Anasbabi como beneficiaria. O primeiro acto do programa será unha Gala benéfica o 6 de xuño no Pazo de Toubes

Vides con Alma presentábase este domingo 18 de maio na biblioteca municipal de Cenlle como unha iniciativa innovadora que dará visibilidade e axudará a entidades sociais ourensás, conseguindo que os viños do Ribeiro deleiten o padal pero tamén cheguen á alma. Rebeca Sotelo, alcaldesa do primeiro municipio anfitrión, estivo arroupada polos rexedores de Castrelo, Avelino Pazos, Beade, Fernando Taboada, Ricardo González, de Toén, Rodrigo Aparicio de Arnoia e o tenente alcalde de Carballeda de Avia, Xesús Alonso. Xunto a eles, José Carlos Pumar, Concha Iglesias e Ángel Puente en representación de Anasbabi, e das entidades patrocionadoras Viña Costeira, Cogesa e o Círculo da Sanidade.

A alcaldesa anfitrioa desta primeira edición agradeceu a implicación, colaboración e apoio dos concellos, unindo esforzos para materializar unha iniciativa conxunta e con carácter de continuidade, cuxa primeira actividade será unha Gala Solidaria no Pazo de Toubes o 6 de xuño. Rebeca Sotelo adiantou que o evento comezará cunha cata das adegas Viña Costeira, Carpazal e Cotarelo, á que seguirá unha cea. O presidente de Anasbabi non quixo desvelar demasiados detalles para non romper a maxia dunha velada á que poñerá o broche de ouro un tradicional conxuro da queimada. José Carlos Pumar só adiantou que a responsable de Relacións Institucionais da asociación, a actriz Luisa Martín, chegará moi ben acompañada. Iso si, insistiu en deixar constancia do agradecemento da asociación por elixir a Anasbabi como primeira entidade beneficiaria, e mostrándose convencido de que Vides con Alma permitirá que O Ribeiro chegue non só ao padal da xente senón aos seus corazóns.

As intervencións pecháronas Concha Iglesias e Ángel Puente, en representación de Viña Costeira, Cogesa e o Círculo da Sanidade, patrocinadores do evento. “En Viña Costeira gústanos estar preto de quen traballa con compromiso e constancia”, explicou Concha Iglesias, destacando a importancia que o Pazo de Toubes ten para a súa cooperativa, o municipio e a comarca e remarcando o seu compromiso de colaboración con proxectos comúns con bos propósitos e impacto positivo.

Ángel Puente, pola súa banda, destacou que tanto de Cogesa como do Círculo da Sanidade manteñen unha liña de colaboración con todas aquelas organizacións que comparten o obxectivo de traballar para que podamos seguir gozando dunha sanidade sostible e, no caso de Anasbabi, dar respostas non só aos problemas de saúde senón tamén de índole social que ocasionan as enfermidades raras. “É un pracer apoiar un programa como o que hoxe estamos a presentar”, resumiu Como colofón, tanto Rebeca Sotelo como José Carlos Pumar destacaron a ilusión coa que se está traballando para que a Gala Solidaria coa que se inaugura Vides con Alma sexa un éxito, e que se recoñeza a riqueza vitícola do Ribeiro pero tamén a súa riqueza humana e o seu compromiso solidario.

As entradas estarán en breve á venda nos municipios organizadores e haberá tamén unha fila cero para os interesados en colaborar coa asociación beneficiaria dun programa que se estrea en 2025 para converter O Ribeiro nun referente solidario.

Back to top button