ConcellosEn portadaQuirogaÚltima hora

A CHMS e o Concello de Quiroga asinan un convenio de 1.075.000 euros para revalorizar Montefurado

 

O Concello de Quiroga vén de asinar esta mañá un convenio coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) encamiñado a revalorizar Montefurado. O lugar escollido para levar a cabo a firma foi o miradoiro dos Anguieiros dende onde se divisa o túnel de Montefurado e boa parte do territorio deste municipio lucense. Ao acto da sinatura ente o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, e o presidente da Confederación, José Antonio Quiroga, acudía o equipo de goberno quirogués ao completo.

Con este convenio materialízase a petición que dende as áreas de Cultura e Turismo (baixo o mando de José Luis Rivera e Vicente Parra respectivamente), fixeran ao presidente da Confederación en outubro do 2023 para buscar un novo enclave, con fácil acceso, dende o que se poida ver a boca de entrada do túnel romano, co obxectivo de divulgar e valorizar o túnel e o meandro seco do Sil.

O alcalde quirogués afirmaba que este proxecto, cuxa licitación se prevé que poida saír no prazo dun ano, vai axudar a dinamizar este elemento tan importante para Quiroga e un monumento case único.
Pola súa banda, o presidente da confederación, José Antonio Quiroga falou do convenio co que se inicia un proxecto que conta cun orzamento de 1.075.000 € -o 90% aportado pola Confederación e o 10% polo Concello de Quiroga- e dentro do que se realizará un sendeiro de 4 km, un miradoiro, unha pasarela sobre o río Sil e un centro de recepción de visitantes e de interpretación nun terreo xa adquirido polo concello quirogués.

Estes, dixo, son os grandes eixos sobre os que se traballa para configurar un proxecto que hai que terminar de perfilar e no que se determinarán todos os detalles. “Unha vez realizadas as obras pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, todo pasará a ser de propiedade municipal polo que será o concello quen se encargue do seu funcionamento e mantemento”, segundo informa o Concello.

 

 

Antecedentes

No século II o imperio romano intensificou a explotación aurífera da conca do río Sil, executando obras singulares como o túnel de Montefurado, no termo municipal de Quiroga, provincia de Lugo.

Segundo as investigacións realizadas, o obxecto deste túnel era desviar o caudal do río Sil para deixar un tramo de leito en seco e permitir así a extracción de ouro dos depósitos fluviais moi ricos no devandito material. O túnel foi escavado na Pena do Curvo por torrefacción, proceso no que acenden grandes fogueiras na fronte de escavación para fracturar térmicamente a roca.

Cunha lonxitude orixinal de ao redor de 120 metros, o paso do tempo e a erosión fluvial han feito que unha parte substancial da lonxitude do túnel se desmorone, polo que só se conserva na actualidade un tramo de 52 metros de lonxitude da obra orixinal.

Por outra banda, existe unha galería de prospección mineira, de época moderna, sensiblemente paralela ao túnel romano e a cota superior á deste.

Actuacións previstas

Executarase e acondicionará unha senda circular na marxe esquerda do Sil que permita percorrer o perímetro do meandro abandonado do río, partindo do camiño situado na boca oeste dos túneles da N-120, río Sil e galería mineira, así mesmo, nas proximidades do punto de entroncamento do carreiro co devandito camiño, situarase un miradoiro que permita contemplar o val do Sil no seu punto de entrada no túnel de Montefurado, así como a primeira metade do meandro.

“Melloraranse os elementos deste conxunto único; acondicionarase unha senda circular de 4 km polo trazado do meandro, un miradoiro, unha pasarela e un centro de visitantes ou punto de información o núcleo de Montefurado” engadiu

O carreiro trazarase aproveitando no posible a rede de carreiros existentes, para minimizar o impacto sobre a contorna. Enriquecerase así mesmo con carteis e sinais indicativas, e dispoñerase un aparcamento de visitantes no punto máis baixo do mesmo, próximo á boca sur do túnel, punto no que se terá que construír unha pasarela sobre o meandro do Sil, encostada ou paralela á ponte carretero alí existente.

Preténdese, ademais, construír un centro de visitantes na veciña poboación que dá nome a este enclave, nunha parcela que o Concello de Quiroga poñerá ao dispor a tal fin.

“É importante lembrar que este conxunto constitúe a verdadeira porta de entrada e saída da Ribeira Sacra; neste momento a un paso de ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola súa característica de “Paisaxe da Auga”, singularidade fundamental presente e protagonista neste elemento xeolóxico e histórico singular”, incidía Quiroga.

Novo convenio

“En paralelo a este convenio e, tamén a través do Goberno de España, rubricarase un novo convenio neste caso coas Universidades da Coruña e de Salamanca, para estudar a saúde xeolóxica do monte e do túnel, tendo en cuenta o desmoronamiento masivo que vén producindo desde finais do século XX”, concluía José Antonio Quiroga.

Foto: RTM Quiroga.

Back to top button