O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, facía este xoves un chamamento para reforzar “a incansable loita contra a violencia machista, da que Ourense non é allea”. “Os últimos acontecementos na provincia indícannos que temos que estar vixiantes e seguir proporcionando ferramentas ás vítimas, porque é unha lacra imparable”, destacou durante o acto de conmemoración do 181 aniversario da fundación da Garda Civil, celebrado na Praza Carlos Casares de Xinzo de Limia.
Durante a súa intervención, o subdelegado agradeceu “o sacrificio, a entrega e a profesionalidade” dos homes e mulleres que forman parte de Garda Civil e que fan da provincia de Ourense unha das máis seguras de España. Ademais, indicou que máis de 350 mulleres están sendo protexidas nestes momentos pola Garda Civil en Ourense.
Eladio Santos celebrou que é un día de festa para unha institución “que protexe e coida á cidadanía” e que é “moi querida, valorada e respectada”. “Sobre todo aquí, na provincia de Ourense, onde a maioría do territorio é rural e 91 de 92 municipios son competencia da Garda Civil”, engadiu.
O Goberno de España, dixo o subdelegado, “é consciente dos retos aos que se enfronta a Garda Civil” e que moitos deles evolucionan coa sociedade, o que require adaptación. Neste sentido, ademais de insistir na loita contra a violencia de xénero, puxo en valor o esforzo dos axentes por levar a seguridade ás estradas da provincia e o seu labor para perseguir a delincuencia e o crime organizado.
Tamén mencionou o gran desafío que supón a ciberdelincuencia, contra a que “a Garda Civil fai un traballo tenaz e moi difícil”, tanto para esclarecer eses delitos como para lograr a prevención. “Nunha provincia envellecida como a nosa é moi importante informar á xente sobre as posibles estafas ás que se pode enfrontar ao prender unha pantalla”, subliñou.
Finalmente, o subdelegado felicitou a tódolos gardas civís polo seu aniversario e celebrou que cada vez haxa máis mulleres no corpo. “Remato cunhas palabras de gratitude e respecto. Grazas pola vosa labor e por estar sempre o lado do pobo”, concluíu.