
Cholo e Nela xogarán a ser científicos e científicas este mércores 28 de maio no CEIP Manuel Respino da Rúa. Dende as 10h. este centro acollerá a XXIV Convivencia de Educación Infantil baixo o lema “Ciencia e conciencia”. Nesta edición, na que se prevé a participación duns 15 centros de ensino (podería haber algunha incorporación máis nos próximos días) das provincias de Ourense e de León, explorarase un mundo de experimentación e descubrimento, unha proposta crítica dende a educación, facendo fincapé na ciencia en feminino da man de catro referentes: Hipatia de Alexandría, Ánxeles Alvariño, a valdeorresa Evelina Hervella e Antonia Ferrín.
Dunha maneira divulgativa, didáctica e lúdica, esta convivencia pretende percorrer “o mundo e a historia detrás da busca científica, espertando a curiosidade dos nenos e nenas dende o traballo compartido das familas e as mestras e mestres. Á vez, búscase promover o uso do galego e visibilizar á muller na ciencia en Galicia”, sinalan os promotores da cita.

O programa incluirá obradoiros, xogos e contacontos, ademais de música e dunha zona de exhibicións por parte das forzas e corpos de seguridade, así como doutras entidades vinculadas ás emerxencias. Por esas áreas realizaranse unhas cinco rotacións. A convivencia, na que por suposto non faltarán Cholo e Nela, finalizará arredor das catro da tarde.
Os centros participantes nesta edición serán os CEIPs Julio Gurriarán, Condesa de Fenosa, Otero Pedrayo e Colexio Divina Pastora do Barco, o CEIP Virxe do Camiño de Rubiá, o CEIP X. M. Folla Respino de Vilamartín, o CEIP Manuel Respino e o Colexio Pablo VI-Fátima da Rúa, así como o colexio de Casaio e CPI Terrón Mendaña (Carballeda de Valdeorras), e os colexios do Bolo, A Veiga, Trives, Manzaneda e Cubillos del Sil (León).
Tamén asistirán docentes de varios colexios da zona de Ourense “de cara a explorar a posibilidade de que no vindeiro curso se organice outra xornada deste tipo nesa zona da provincia, a maiores da que xa temos aquí”, din os organizadores da convivencia.