DeportesÚltima hora

O ‘Vilacolor Run’ volve a Vilamartín de Valdeorras con novo percorrido, moitos polvos Holi e unha gran festa

Celebrarase o venres 20 de xuño a partir das 18:30 horas na área recreativa do Bañadoiro

Vilacolor Run o ano pasado./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Tralo éxito da primeira edición na que participaban unhas 400 persoas (correndo, andando e bailando), volve o ‘Vilacolor Run’, un evento que mestura deporte con diversión para todas as idades e no que non faltará a música e o bo ambiente. A cita será o vindeiro venres 20 de xuño na área recreativa do Bañadoiro, en Vilamartín de Valdeorras, cun completo programa que arrincará ás 18:30 horas e estenderase ata a madrugada.

 

 

Haberá zumba, inchábeis para os nenos e moita música aínda que o prato forte será a andaina duns 5 km cun novo percorrido pola vila, que comezará ás 20:40 horas con lanzamento de polvos de moitas cores (Holy) dende diferentes puntos, moi festiva, para nenos e maiores e sobre todo familias.

 

 

A presentación do festivo evento tiña lugar na tarde do martes 27 de maio na propia área recreativa que acollerá a festa, por parte da organización Ocio y Deporte Valdeorras S.L. e  representantes do Concello de Vilamartín de Valdeorras que colabora co evento.

 

Presentación do Vilacolor Run 25./ Foto cedida.

 

Back to top button