
O documental ‘A loita final’, proxectarase ás oito desta tarde no Teatro Lauro Olmo do Barco, coa presenza do director, Enrique Banet, e máis a produtora, Mabel Rivera, que presentarán o filme e protagonizarán un coloquio ao termino da película. A entrada á proxección é gratuíta.
O documental é froito do “compromiso social que estes dous profesionais do audiovisual teñen coa Galiza. Trátase dun traballo totalmente independente, feito coa vocación de dar visibilidade a problemáticas coma a da macro celulosa de Altri”, segundo indica o Concello do Barco.
“A película nace dunha forte preocupación da sociedade galega ante a posibilidade de que un proxecto de tal envergadura se desenvolva na zona prevista”, engade o Concello. Mabel Rivera, recoñecida actriz galega e produtora do documental, considera que “aínda non se coñecen con profundidade certas cuestións” e engade que unha das principais motivacións para a súa realización foi “o alarmante informe do Consello da Cultura Galega ao respecto”.
O obxectivo dos seus autores está claro: que a xente teña a posibilidade de coñecer esta información e, a partir de aí, que opinen libremente.