Na xornada deste xoves 29 de maio a S.M. a Raíña Emérita Dona Sofía, asistía ao Congreso Anual da Federación de Bancos Alimentos que se celebraba en Ourense.
“Fesbal elixiu Ourense para celebrar o seu 28 congreso anual no Auditorio de Ourense presidido pola raíña Sofía”, explican dende a Deputación, cuxo presidente Luis Menor, formou parte da comitiva de autoridades, destacando que “a loita contra o desperdicio alimentario, a distribución equitativa de alimentos e a colaboración entre organizacións benéficas para mobilizar recursos son algúns dos temas para abordar na reunión que terá continuidade mañá coa asemblea de Fesbal”.
A última vez que Dona Sofía estivo de visita oficial na provincia foi precisamente para coñecer as instalacións do Banco de Alimentos de Ourense (BAO) como presidenta da fundación que leva o seu nome e que colabora desde hai anos coa federación que reúne aos bancos de alimentos de toda España. “Os voluntarios da entidade recibiron á raíña emérita na nave que a entidade ten no polígono de San Cibrao das Viñas, na que desenvolve a maior parte da súa actividade”, aseguran dende a Deputación, adiantando que o BAO “foi beneficiario de varias axudas da Fundación Reina Sofía a Fesbal, tanto co envío de alimentos infantís como con financiamento para mellorar infraestruturas e recursos”.