ConcellosÚltima hora

A Raíña Emérita Dona Sofía visita a vila de Castro Caldelas

No seu decurso anunciaba un proxecto de restauración ambiental na Reserva da Biosfera Ribeira Sacra, Serras do Oribio e do Courel

 

Castro Caldelas recibía esta mañá a visita da Raíña Emérita, Dona Sofía, nunha xornada impulsada pola Fundación Reina Sofía, a Xunta de Galicia e o Concello local, e que busca poñer en valor a contorna rural e a súa imprescindible contribución ao equilibrio territorial, ecolóxico e cultural de España.

A visita inscríbese no compromiso da Raíña Emérita Dona Sofía e da súa Fundación coa España rural, a través de proxectos que reforcen a sustentabilidade ambiental, o arraigamento cultural e a promoción do seu patrimonio natural e histórico. Castro Caldelas, recoñecido desde 2018 como un dos “Pueblos Más Bonitos de España” e enclave da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra, Serras do Oribio e do Courel, foi o primeiro dos 122 pobos distinguidos con ese selo que visita a raíña emérita.

No acto institucional, celebrado no emblemático Castelo de Castro Caldelas, Dona Sofía foi recibida pola alcaldesa Sara Inés Vega; Rafael Rodríguez Villarino, senador por Ourense; Eladio Santos Martínez, subdelegado do Goberno; Manuel Pardo Cid, delegado da Xunta de Galicia en Ourense; Tomás Fernández Couto, subdirector xeral de Espazos Naturais da Xunta de Galicia; e Francisco Manuel Mestre, presidente da Asociación de Pueblos Más Bonitos de España. Tras a recepción oficial, que contou coa interpretación musical da Real Banda de Gaitas de Ourense, Dona Sofía percorreu o centro histórico da vila e concluíu a súa visita no Santuario dos Remedios, dedicado á primeira Virxe coroada en galego e símbolo do arraigamento espiritual e cultural do municipio.

A alcaldesa Sara Inés Vega agradeceu esta visita, “que é un feito histórico para a Vila de Castro Caldelas, e supón un espaldarazo para o turismo, motor económico da comarca e de toda a Ribeira Sacra.” Pola súa banda, Francisco Mestre, presidente da Asociación Pueblos Más Bonitos de España, sinalaba que dende esta entidade “estamos encantados de que S.M. a raíña Dona Sofía iniciase as súas visitas aos nosos pobos con Castro Caldelas. É unha honra e un orgullo que valore os pobos da rede, e esperamos que esta sexa a primeira de moitas visitas”.

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, agradeceulle á raíña a súa visita a provincia de Ourense e felicitou á alcaldesa pola organización do acto.

 

 

Un proxecto de rexeneración do bosque autóctono

Ademais, no marco desta visita, a Fundación Reina Sofía anunciou un novo proxecto de restauración forestal na Serra do Courel, unha das áreas de maior riqueza ecolóxica do noroeste peninsular e que resultou seriamente danada polos incendios forestais ocorridos en 2022. En colaboración coa Xunta de Galicia e a dirección da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra, Serras do Oribio e do Courel, o proxecto centrarase na recuperación do bosque autóctono, respectando a composición orixinal do ecosistema.
A iniciativa, que reafirma cunha acción concreta o compromiso da Fundación Reina Sofía coa conservación do patrimonio ambiental, histórico e cultural, contribuirá á rexeneración dunha contorna de alto valor ecolóxico e simbólico.

Tomás Fernández Couto, subdirector xeral de Espazos Naturais da Xunta de Galicia, destacou a importancia desta colaboración coa Fundación Reina Sofía “como vía para acelerar a restauración ambiental en zonas de especial protección que sufriron a traxedia dos incendios forestais”.

Sobre a Fundación Reina Sofía

Constituída en maio de 1977 pola S.M. a raíña Dona Sofía, a Fundación Reina Sofía é unha entidade mixta de carácter benéfico e cultural, sen ánimo de lucro e de natureza permanente. Nestes 48 anos, xestionou e promovido máis de 300 proxectos con decenas de entidades sociais, de contido educativo, sanitario e ambiental, así como de axuda social e humanitaria.

Fotos cedidas.

Back to top button