
Catas, maridaxes, showcookings, concurso, unha ruta de petiscos, música e a posibilidade de degustar os viños de ata 18 adegas valdeorresas. Son algunhas das propostas da XXVI Feira do Viño de Valdeorras, cuxas casetas poderán visitarse do 31 de maio e 1 de xuño na praza Otero Pedrayo de Viloira (O Barco).
A inauguración da mostra está prevista para as 12:30h. do sábado 31 de maio cun pregón que correrá a cargo da padexeira olímpica Teresa Portela. A partir de aí poderán visitarse as casetas das adegas participantes nesta edición para catar os seus viños: A Bágoa, A Coroa, Alan de Val, Arnadoval, Melillas-Lagar do Cigur, O Casal, O Cepado, Quinta da Peza, Barón do Sil, Cooperativa Xesús Nazareno-Vinos Barco, Godeval, Roandi, Sampayolo, Santa Marta, Cova da Xabreira, D’Berna, Viña Costeira, Virgen del Galir.
Por outra banda, o programa inclúe, entre outras iniciativas as catas e a primeira edición do Concurso de Albóndegas, que se realizará en colaboración con Turismo de Galicia. A nota musical da celebración porana as charangas Bicoia, o sábado, e Tatoo, o domingo. O prato forte virá co concerto do grupo Dani Barreiro & Friends, o sábado ás 23h.. Por outra banda, haberá actividades infantís nos xardíns da Casa Grande de Viloira, con inchables e monitores de animación.
E para aqueles que queiran achegarse sen usar o seu vehículo, a feira porá a súa disposición, un ano máis o Expreso de Valdeorras, un tren con saída no pavillón de Calabagueiros e con paradas en moitos puntos da vila durante o horario de apertura do recinto feiral.
