
Ata A Pobra de Trives viaxaba un dos galardóns entregados na recente gala dos Premios Martín Códax. A pianista, docente e investigadora trivesa María Domínguez resultaba distinguida nestes prestixiosos premios na categoría de Música Clásica e Contemporánea.
O seu proxecto Koun(t)erpoint, unha proposta interdisciplinar que fusiona o piano acústico coa electrónica, captou a atención do xurado polo seu enfoque vangardista, a calidade interpretativa e a súa proposta artística. A súa obra combina música, danza e instalación lumínica.
“María cativounos co seu excelente técnica, pero sobre todo, coa súa proposta innovadora e a súa paixón sen límites”, destacaba Radio 4 tras unha das súas actuacións.

Cunha sólida formación internacional e unha carreira artística premiada por institucións europeas, María Domínguez continúa ampliando os límites da interpretación musical, investigando ademais o papel da música contemporánea na educación como parte do seu doutoramento en innovación didáctica. Este recoñecemento supón para ela “un impulso clave para seguir difundindo proxectos que apostan pola renovación estética, a inclusión e a colaboración artística interdisciplinar”.
Sobre María Domínguez
Pianista de música clásica e contemporánea, performer e investigadora artística, esta trivesa compaxina o seu labor de concertista coa pedagoxía e as novas tecnoloxías, Actualmente, dedica toda a súa actividade artística a realizar concertos en salas de todo o mundo e participou en festivais como Sound Image Festival (Bruxelas), Parcours Musicaux (Lille), Xornadas de Música Contemporánea (Santiago de Compostela), Limburg Festival e Sacred Music Festival (Maastricht), colaborando con compositores da talla de Michael Beil, Sarah Nemtsov, Vykintas Baltas, entre outros.
Foi premiada e apoiada por numerosas institucións como Via Zuid Talenmakelaar, Schiting Cultural Entrepreneurchip in Maastricht, Maastricht Conservatory Foundation, Art Buro Limburg e Peter de Grote Festival.
Colaborou con orquestras tales como: Orquestra Sinfónica BKM, Amikejo Orchestra e a Nova Orquestra Nacional dos Países Baixos (NJO), actuando en salas de concerto como Concertgebouw (Países Baixos), Kontzerhaus (Alemaña), Teatro de Alto Adige (Italia), Teatro Orpheus Apeldoorn (Países Baixos), entre moitos outros.
O seu interese polo traballo interdisciplinar e a investigación levouna a ser pianista acompañante de danza clásica no “Conservatoire da danse” e o “International Ballet School” de Bruxelas (Bélxica), colaborando en diferentes proxectos coa escola P.A.R.T.S (Performing Arts Research and Training Studios), fundada e dirixida pola coreógrafa Anne Teresa De Keersmaeker. Así mesmo, foi residente do teatro Bordenhal de Maastrich, traballando cun equipo formado por bailaríns, actores, artistas visuais e plásticos.

Na súa faceta como creadora e directora artística, María creou o proxecto musical Contenco co bailaor de flamenco Federico Ordoñez, unindo a música contemporánea coa danza tradicional. Así mesmo, é codirectora artística de Pulso Ensemble, un grupo especializado na música experimental de nova creación.
Realizou gravacións de obras de compositores como: Sofía Gubaidulina, Heinz Holliger, Benjamin Van Esser, Steve Reich, Pierre Jodlowsky, sendo difundidas en programas de emisoras de radio como Radio 4 e Música Viva de Radio Clásica (RNE).
María finalizou o máster en Interpretación de Piano Clásico no Conservatorio de Maastricht coa máxima cualificación de sobresaliente cum laude; o curso de especialización de “Contemporary music through non Western Techniques” en occidentais no Conservatorio de Ámsterdam; e o Posgraduado en Música Contemporánea co Ensemble Ictus e Spectra en Bruxelas; o Grao de Produción e Xestión Cultural no Centro de Alto Rendemento (ESMAR) de Valencia. Actualmente está a realizar o Doutoramento en “Innovación didáctica” na Universidade de Xaén, investigando acerca da presenza e uso da música contemporánea na educación musical.
Fotos cedidas.