O sector do granito ourensán tamén conta cun espazo propio na Feira Stonegal, cuxas portas se abrían este mediodía no recinto de IFEVI, en Vigo, e que se celebrará ata o vindeiro 5 de xuño. Nesta mostra profesional participa a Asociación Provincial de Empresarios do Granito de Ourense, pero tamén 5 empresas, as máis representativas do granito ourensán, como son Granitos del Val, Graexcon, MInera de Rocas, WD Tools e Piedras Rabal.
“Son empresas que están na provincia e que exportan e teñen o seu granito por todo o mundo.
Entón veñen a representar todo o colectivo de graniteiros de Ourense”, explican dende a asociación provincial. Ademais o seu expositor dispón dun espazo común “no que imos facer un evento gastronómico ao que convidamos a todo o mundo”. Así, contan cunha pulpeira que ofrece degustacións.

Dende a asociación considérase que Stonegal “é unha excelente oportunidade para visibilizar o traballo do sector, compartir novidades, xerar sinerxias e reforzar relacións entre empresas. Participamos de forma agrupada cun espazo representativo das nosas empresas asociadas”.
No marco da feira, esta asociación tamén anunciaba a celebración o vindeiro 18 de xuño ás 13h. na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), na capital da provincia, dunha xornada técnica, dirixida a empresarios e profesionais do granito, así como en xeral da pedra natural, “na que imos abordar riscos derivados da exposición de po de sílice e, sobre todo, as implicacións que teñen a nivel de normativa, técnicas e legais”, adianta a asociación.
Fotos: Carlos G. Hervella.
