EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A XXVI Feira do Viño de Valdeorras reunía a unhas 3.500 persoas, segundo a organización

 

A XXVI Feira do Viño de Valdeorras, celebrada na Praza Otero Pedrayo de Viloira (O Barco), do 31 de maio ao 1 de xuño, reunía a máis de 3.500 persoas, segundo a organización. Para todos eles servíronse máis de 22.000 copas de viño amparado, das 18 adegas que estiveron presentes nesta edición.

Trátase dun balance “moi positivo” para a Denominación de Orixe Valdeorras, entidade para quen esta feira é, segundo conta o seu presidente, Marcos Prada Ginzo, “a maior expresión do saber facer de viticultores e adegueiros, durante todo un ano, que veñen ensinar os seus tesouros, o seu enorme traballo, o resultado do seu esforzo”.

Máis aló dos datos, Prada Ginzo resalta a mestura de públicos diferentes que quixeron visitar a mostra, sendo a participación da mocidade, a máis destacada. “Estamos moi contentos da altísima participación, sobre todo da xente nova; nos enorgullece moitísimo que as novas xeracións queiran descubrir o mundo do viño a través dos nosos excelentes brancos e tintos”.

A iso tamén se engade, a rapidez coa que se cubriron as prazas das catas, (40 en total) e do showcooking (20 prazas) da fFeira, demostrando un enorme interese de participación nestas actividades, cun público fiel que en moitos casos repite a experiencia ano tras ano.

Ademais, a D.O. engade que a procedencia dos participantes na feira deixou entrever o traballo de promoción polo que este ano apostou o Consello Regulador. “Facendo o esforzo de estar presentes nas feiras, organizando eventos nos que sexamos protagonistas e apostando pola formación converténdonos en partners da WSET (a entidade formativa máis prestixiosa do mundo do viño), ten que dar os seus froitos, e en boa parte xa os estamos comezando a ver na participación de moita xente doutras provincias ou rexións nesta edición da Feira do Viño de Valdeorras”, explicou Prada Marcos.

O futuro da feira 

Malia ao “incuestionable éxito de participación desta edición do 2025”, o presidente do CRDO Valdeorras recoñece que “hai algunhas cousas que se poden mellorar e, de feito xa estamos a dar os primeiros pasos para poder introducir novidades nos seguintes anos”.

Back to top button